Iago Toba, PSOE de Muxía: «Temos logros históricos cun goberno en minoría»

F. rodríguez / s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Ana García

Cre que a oposición só se dedicou a poñer atrancos, «a entorpecer, tirar abaixo e destruír», e destaca as obras conseguidas

23 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Iago Toba (1987), alcalde de Muxía dende hai catro anos, concelleiro dende hai oito, arquitecto técnico de formación, repite como candidato do PSOE.

—Que balance fai do mandato, no que empezou con maioría absoluta e remata en minoría?

—Os veciños xa se foron dando conta, día a día, do que pasaba, e da evolución política, cunha oposición que se dedicou a tirar todo abaixo en cada pleno, en cada proposta. Nós tiñamos a responsabilidade e gobernar o municipio nunha situación bastante difícil, historicamente difícil. E só eramos tres persoas. Toda esta historia de botarnos abaixo coincidiu co inicio da pandemia. Non podiamos dedicarnos a esas trapalladas, estabamos máis preocupados de axudarlle aos veciños nunha situación sen antecedentes: conseguir máscaras, coordinarnos coas Administracións, adaptarnos ás directrices cambiantes, sacar o mellor. Aí dedicamos moito tempo, é o que máis nos marcou en máis de dous anos. E en Muxía, en vez de ter axuda, tiñamos que loitar cunha oposición que aproveitaba a debilidade social, económica e sanitaria para botar abaixo un goberno de tres persoas. Por sorte non o conseguiron, e os veciños saben que tipo de políticos teñen. Preséntanse os que se dedicaron a entorpecer, a tirar abaixo, a destruír. E temos un goberno, con dificultades, acertos e erros, que demos o mellor de nós, a conseguir obras, servizos e benestar.

—Que destaca do que fixo e que lle gustaría ter feito e non puido ser?

—Había temas prometidos xa de atrás, como a auga de Suxo, e aí está. E a segunda fase, que levamos agora, a oposición non acudiu ao pleno, un esperpento máis. A oposición ponse de acordo axiña para cousas malas. Para boas, non. E decidiron non ir ao pleno. Pero esa promesa de hai 30 anos está. E a gardería, anunciada tantas veces, non foi realidade, e hoxe si o é. E tamén estou orgulloso de conseguir a estrada de Leis, coa primeira fase executada e adxudicada a segunda. E pasa o mesmo coa de Touriñán, que o cumprimos. E dixemos que nós iamos a centrarnos no coidado das persoas, é o principal. Muxía foi onde máis se incrementou a porcentaxe a todos aos diversos servizos sociais: un 500%. Eses logros son una realidade, históricos. E cun goberno en minoría.

—Que obxectivo se marca? Repetir a maioría?

—Absolutamente. Traballamos todo o tempo, non aparecemos da nada, como pasa con algúns partidos agora, que se autoproclaman salvadores da patria, e ata o de agora estiveron desaparecidos. Todo o mundo en Muxía sabe como e por que nace ese partido: para tirar abaixo o goberno que hai. Ningún dos outros tres candidatos parten para ganar. Nós, si. Non vimos a pactar, vimos a ganar. Teño o aval do traballo destes anos, demostramos que traballamos por Muxía.

A LISTA

1. Iago Toba Campaña

2. Olalla Benlloch Lema

3. Javier Romar Alvarellos

4. Patricia Domínguez Marino

5. Felipe Vilela Vilela

6. Mº de las Nieves Domínguez

7. Nuria Santos Rodríguez

8. Maximino Luis Lema Lago

9. María el Mar Campos Vilela

10. Diego Martínez Martínez

11. Javier Bermúdez Martínez

Suplentes

1. David Ramos Gómez

2. Jésica París Senlle

3. Francisco Fidalgo Castiñeira

A lista está moi renovada, sobre todo pola escisión de catro dos sete concelleiros logrados.

PREFERENCIAS

  • A que hora se ergue? Entre 7.30 e 8.00
  • Que almorza? Batido de iogur
  • Prato preferido: Pasta con atún e tomate
  • Que non comería? Nunca comería unha inxustiza
  • Bebida preferida: Nestea
  • Equipo de fútbol: Muxía sempre
  • Que coche ten? Smart Fortwo
  • Unha afección: Vaixar coa xente que quero
  • Un lugar: Sempre a Punta da Barca
  • Unha rede social? Facebook

ARTES E LETRAS

  • Escritora, escritor favorito: Castelao
  • Último libro que leu: Manual de resistencia (Pedro Sánchez)
  • Última película que viu: A última de Avatar
  • Un artista: Yoshiro Tachibana
  • Un actor: Nancho Novo
  • Unha actriz: A miña tía Rita e Alicia
  • Un cantante ou grupo: Tanxugueiras
  • Tipo de música: A latina en xeral
  • Deporte que practica: Se contamos bailar...
  • Unha viaxe pendente: Coa familia a Sri Lanka