José Marcote: «Sen Fisterra non hai Camiño, debemos protexela»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Ana García

O alcalde fisterrán é o novo presidente da Asociación de Concellos do Camiño a Fisterra e Muxía, que solicitará ante a Xunta a delimitación oficial deste itinerario

05 mar 2023 . Actualizado a las 22:03 h.

Logo de dous anos da súa constitución, en febreiro de 2021, a Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía vén de renovar a súa directiva. O alcalde fisterrán, José Marcote, tomará o relevo do dumbriés José Manuel Pequeño ao fronte da entidade, e xunto a el estarán Ángel Leis, rexedor de Negreira, como vicepresidente; Emma Trillo, concelleira de Cee, como secretaria, e Lalo Insua, mandatario de Corcubión, como tesoreiro, o posto que ata o de agora ocupaba Marcote.

—Por diante veñen dous anos de moito labor para seguir traballando neste Camiño que tan importante é para a comarca.

—Converteuse en algo fundamental, e non só para os concellos implicados, senón para toda a comarca. O peregrino non deixa de ser un visitante, que quere coñecer en xeral esta zona e que nun futuro pode regresar como outro tipo de turista. É importante que a xente leve un bo concepto do noso territorio para que volva, e a idea de facer esta asociación de Concellos foi sempre tratar de aumentar a afluencia en base á promoción e á posta en valor. O ano pasado, por exemplo, fixemos un ciclo de conferencias e outras actividades para dar un primeiro impulso de cara a asentar este noso Camiño e darlle máis visibilidade, se cabe.

—Agora toca fixarse novas metas.

—Hai algo fundamental, que valoramos dende o principio, pero que agora terá que ser algo xa inmediato, e é a delimitación oficial por parte da Xunta. Dos oito camiños que figuran na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, tres xa están delimitados e o cuarto, seguindo a orde na que están redactados, xa sería o noso. Solicitaremos unha entrevista co conselleiro de Cultura para manifestarlle isto, pois é algo fundamental para nós.

Tamén continuaremos co plan de promoción, organizando máis actividades e editando ese ciclo de conferencias que tivemos o ano pasado no Museo do Pobo Galego: aí recolleuse moito contido e moita historia que queremos que quede recollida por escrito para que todo o mundo a coñeza.

—Esa falta de oficialidade sempre foi un lastre, ben fose no trazado ou no reconto de peregrinos. ¿Tamén traballarán nisto?

—É algo que abordaremos nesta etapa, pois queremos axustarnos máis á realidade combinando o conteo físico (con fisterranas e muxianas) con algún outro método virtual. Na actualidade podemos intuír as cifras de camiñantes extrapolando os datos que temos, pero debemos achegarnos á realidade dunha maneira máis científica, máis exacta, para poñer os datos enriba da mesa e reivindicarnos. E tamén para facérllelos chegar a Administración e á Igrexa, que sempre foi moi reticente a esta realidade. Pero o certo é que a xente que fai este itinerario lee, coñece a historia e sabe que o Camiño ao fin do mundo non é unha lenda, senón unha realidade histórica que está documentada. Non ten sentido que se nos trate de convencer doutra cousa.

.

«Fisterra non é patrimonio só dos fisterráns, debémola coidar todos»

Marcote asegura que o concepto Fisterra debe entenderse como algo moito máis amplo ca un simple límite administrativo: máis ben como un paraugas baixo o que acubillarse toda unha comarca. «Fisterra non é patrimonio só dos fisterráns, nin sequera da comarca ou de Galicia, así que debémola coidar todos, polo noso propio interese», manifesta Marcote. Na última sesión da asociación manifestouse o desexo de crear un ente que «involucre a tódalas Administracións» e que permita unha planificación máis exhaustiva para sacarlle lustre a este Finis Terrae. «Hai varios finisterres en Europa, pero o noso, por enriba, é tamén o fin do Camiño de Santiago», sostén Marcote, que tamén apunta que o futuro centro de interpretación do faro será unha «peza fundamental» para o Camiño.

«Valoramos facer un estudo da ciclabilidade do percorrido»

O presidente da entidade tamén falou de potenciar a calidade, de evitar as masificacións e da posibilidade de estudar nun futuro a ciclabilidade do itinerario, para que sexa posible completalo en bicicleta na súa totalidade.

—Tense falado da necesidade de apostar pola calidade. ¿Iniciarán algunha acción ao respecto?

—Iso é algo no que estamos incidindo dende a CMAT, e de feito sacaremos un programa de certificacións, pero dende o Camiño non o faremos de momento. É de valorar, iso si, a aposta que está a facer a iniciativa privada.

—¿Valoran emprender actuacións conxuntas con Solpor, a entidade que agrupa ao sector privado?

—Estamos sempre en contacto, tanto dende a asociación como dende os propios concellos. Trasladámoslles as nosas accións, coñecemos as súas inquietudes... Así que a relación é permanente.

—¿Cal cre que é a maior fortaleza do Camiño?

—Diría que a súa propia existencia, pese a que nalgún momento houbera xente que intentara acabar con el ou negalo. O Camiño é algo que practicamente se promove só, aínda que por suposto haxa cousas que mellorar. Estamos pensando en facer un estudo de ciclabilidade, para comprobar que sexa factible facelo en bicicleta e ver en que tramos se complica, e tamén cremos que se debe analizar onde está o risco de saturación: hai un número óptimo de visitantes para o que estamos preparados, e superado ese número, a situación xa deixa de ser óptima. Debemos, tamén, coidar o noso medio, apostar por especies autóctonas e ter en conta a vertente espiritual, podendo os peregrinos visitar os templos se o desexan. Sería interesante. Son cousas coas que se conseguiría facer do Camiño unha experiencia o máis atractiva e completa posible.