Escolares de Muxía escenificaron o (triste) Enterro do Congro 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Con motivo do entroido fixeron o venres un pasarrúas-procesión de corte satírico e reivindicativo 

19 feb 2023 . Actualizado a las 01:37 h.

Alumnos e docentes dos centros Galiña Azul, Virxe da Barca e instituto Ramón Caamaño de Muxía xuntáronse este pasado venres coa veciñanza para festexar o inicio do entroido. Fixérono percorrendo as rúas cun pasarrúas-procesión que remataron cun acto satírico reivindicativo, mediante o Enterro e queima do Finado Congro, simbolizado por un ataúde de madeira. 

"O alumnado de 3º e 4º da ESO recitou unha Salmodia Satírica en defensa da seca tadicional do congro, actividade tradicional, cultural e económica que viña facéndose desde o medievo, cando os bilbilitianos procedentes da localidade Aragonesa de Calatayud viñan traer cordas para as embarcacións de Muxía e levaban en pago de volta, como pago en especie, pezas de congro curado nos secadoiros de ribeira, Os Cascóns e A pedriña. Estes secadoiros e a actividade exclusivamente artesanal esmorece ante a pasividade e o desleixo das institucións e ás dinámicas que tentan minusvalorar ou acabar co acervo propio. Símbolos da identidade cultural dun país, dun pobo", traslada David Creus, profesor de Plástica e coordinador de actividades extraescolares e complementarias do IES Ramón Caamaño.

Antes e despois do pasarrúas houbo moito para gozar: obradoiros de doces, de maquillaxe de entroido, exposicións artísticas o redor dos entroidos tradicionais, freaky concursos e desfiles de disfraces. "Un día estupendo de disfrute, educación e confraternización. Que viva o entroido!", conclúe Creus.