«Atlánticas», o berro feminino ante un mundo que se vai

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Santi Alvite

EXPOSICIÓN EN COMPOSTELA | Xa se pode visitar no claustro do Colexio de Fonseca a mostra de acrílicos da muxiá Viki Rivadulla

25 ene 2022 . Actualizado a las 23:53 h.

Xa se pode visitar a exposición Atlánticas. Mulleres do Nordés. Aberta dende este luns 24 de xaneiro no claustro situado no primeiro andar do Colexio de Fonseca, en Santiago, aglutina un total de 30 acrílicos pintados entre os anos 2020 e 2021 pola muxiá Viki Rivadulla. Promove esta mostra a área de Cultura da Universidade de Santiago: «Atlánticas nace como unha declaración de principios e unha toma de postura ante unha forma de vida e unha cultura da que a autora, Viki Rivadulla, forma parte ‘por legado e por desexo e que é intrínseca ao ser da Costa da Morte», deu a coñecer a USC. Muxía «abrangue a totalidade do proxecto», pero como tamén incidiu a Universidade na voz da autora, «é un microcosmos exportable», metáfora de moito máis. Rivadulla indicou para a USC que o mundo do mar se atopa en serio perigo de extinción, «polo menos tal como o coñecemos, como elemento de identidade que vai máis alá dun oficio e que supón unha filosofía e un xeito de entender o ser humano».

Ese, precisamente, é o punto de partida destas Atlánticas, inspirada nas mulleres da costa galega e, especialmente, nas da Costa da Morte, presentando así uns «seres case míticos, pero fundamentados nunha realidade e ligados ao seu oficio mariñeiro», narra a crónica da USC: «Mulleres apoderadas que defenden con orgullo o seu ser mariñeiro, mais afastadas do estereotipo de muller agardando no peirao», en palabras de Viki.

De esquerda a dereita, a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; a artista, Viki Rivadulla; e o responsable da área de Cultura da USC, Pablo Sampedro
De esquerda a dereita, a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; a artista, Viki Rivadulla; e o responsable da área de Cultura da USC, Pablo Sampedro SANTI ALVITE

As mulleres do mar, segundo se reflexionou na apertura da mostra, careceron secularmente de visibilidade, aínda sendo tan esenciais como as percebeiras, mariscadoras, peixeiras, redeiras e mesmo mariñeiras e patroas. «Con todo, a literatura, a arte e o imaxinario perpetuaron a imaxe da muller sufridora e pasiva agardando a chegada do home que trae á casa o alimento e a vida», expuxo a muxiá. Atlánticas, pola contra, reflicte a femias que se negan a abandonar a súa forma de vida ligada ao mar: «Son mulleres que viven en simbiose coa costa, cos peixes e coñecen os pulsos das mareas, coróanse de vida con ourizos, peixes e percebes que lles nacen nos cabelos, e teñen escamas na pel afeita a vivir no salitre e no Nordés», afondou a artista. Por tanto, as súas Atlánticas, manifestou a USC, son un berro ante o cambio que chega para deixar as vilas baleiras de mar que foi alimento físico e emocional: «Chegan para mostrarnos todo o que estamos a punto de perder, a beleza desa vida vizosa do mar que chegou das antigas, e sobre o que teriamos que tomar urxente conciencia». A mostra en Santiago pode visitarse ata o 25 de marzo: de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30. Sopesa a artista levar a cabo, un sábado, pequenas visitas guiadas.