A el non lle desagradaría crear un grupo, mais aínda non viu a ocasión. Anda ensaiando, iso si, con dúas rapazas (elas cantan), pero de momento nada formal. A pandemia, aprecia, freou moitos proxectos, pero xa se volve a ir movendo a cousa. Este sábado Eloy interpretará a xota vasca Jotaerre, o Pasacorredoiras de Mariñán e O Son do Ar.
Foi na entrega dos premios Contos de Nadal 2017 cando el actuou, daquela acompañado por Álex Castro. Este último, precisamente, serviu de inspiración para Pablo Canosa, o outro acordeonista de mañá no Parador. Pablo, con 12 anos, alumno de primeiro da ESO no IES Agra de Raíces de Cee e veciño de Corcubión, estuda na Escola de Música ceense acordeón e linguaxe musical. No centro matriculouse primeiro seu irmán maior e, asistindo el como público aos festivais, foise inclinando por este instrumento: «Gustáballe tanto como tocaba Álex que penso que para el foi unha referencia á hora de elixir», explica súa nai, Ana Ferreira. Tiña daquela 7 anos.