César Bugallo: «As persoas con demencia son as grandes prexudicadas da pandemia»

c. DEVESA CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Alexxander

ENTREVISTA | Xerontólogo, psicólogo e presidente de Afafes, pide máis medios para manter as terapias deste tipo de enfermos

03 ene 2021 . Actualizado a las 23:25 h.

Precavido e sensato. Así se mostra César Bugallo (Muxía, 1984) sobre o futuro da pandemia e as consecuencias que o covid deixará, e xa está deixando, sobre a sociedade. Afincado en Cee, o xerontólogo compaxina o seu traballo como docente de Psicoloxía Evolutiva da Educación na Universidade de Santiago (USC) co seu labor como presidente de Afafes. Precisamente, Bugallo lembra a necesidade de prestarlle atención ás persoas con alzhéimer e outras demencias que, ante a pandemia, están a sufrir moito.

-Que consecuencias nos vai deixar o covid?

-O tempo dirá. Agora xa hai estudos que están amosando resultados. Igualmente, eu sempre insisto en que a pandemia non afecta a todos por igual. Como exemplo está que non é o mesmo estar confinado nun piso que nunha casa con xardín, pero é obvio que a longo prazo veremos as consecuencias sociais.

-A angustia e o medo a un novo confinamento seguen aí?

-Si, porque o que nos deixou a pandemia é a incerteza de non saber que vai pasar. Está en xogo a saúde de cada un de nós e dos do noso arredor, é unha situación moi complicada. Por iso eu prefiro non facer augurios. O tema é vivir ao día.

-O covid intensificou o sentimento de soidade?

-Quen estaba só, seguramente se segue sentindo así. A soidade sempre existiu, non é algo novo, pero agora falamos da soidade non desexada porque é cando nos vén imposta, que é o que pasou no confinamento. Nese sentido antes falábase xa da soidade non desexada dos maiores e facíase algunha reivindicación. Agora, a pandemia deunos de cheo a todos e púxonos a proba.

-Moitos sufriron a perda dalgún ser querido sen poder despedilo en circunstancias normais.

-É unha situación moi complicada, hai que ir vendo como esa xente responde ao duelo. Hai que resolvelo porque se non cognifícase e pode evolucionar nun trastorno depresivo maior. Está claro que é algo que choca porque, por un lado, non nos deixa despedirnos dun ser querido como quixeramos, e por outro, non o facemos do xeito que pensamos que esa persoa merecía. Nalgúns casos tarda meses, logo esa dor segue, obviamente, pero xa non é tan desgarradora. Depende da persoa.

-O covid afecta especialmente aos maiores. Hai un tempo falaba das vantaxes que tiñan para eles os centros sociais. Que supón a perda deses espazos?

-Para eles é unha gran perda porque tiñan unha rutina que era moi importante e iso viuse alterado. Xa non falamos só de persoas maiores, senón de xente con demencia que ao non acudir a esas actividades, que son as súas terapias, tradúcese nun deterioro moi importante. Son o colectivo máis prexudicado pola pandemia porque ese deterioro non se vai poder reverter.

-De que forma se poden suplir a falta desas actividades?

-Eu penso que deberían poder abrirse de novo os centros sociais, seguindo obviamente todas as precaucións e medidas sanitarias. Mentres non se pode, dende Afafes puxemos en marcha, e fomos pioneiros, unha estimulación domiciliaria de forma individual. Deste xeito, as persoas poden facer nos seus domicilios as terapias nun entorno seguro porque o terapeuta acude cunha epi diferente a cada casa para minimizar riscos. Pero para facer este tipo de actuacións precisamos do apoio das institucións, porque non todo o mundo pode facer fronte aos gastos destas terapias.

-Moita xente con enfermidades como o alzhéimer está interna en residencias. Como ve a situación destes centros?

-Polo xeral, nas residencias os internos están moi ben coidados. Aínda que cando vemos un brote nunha nos parece moi alarmante, se atendemos aos datos as mortes nestes centros en comparación coas ocorridas fóra, representan un porcentaxe moi baixo. O que ocorre é que se entra o covid nunha residencia a preocupación é maior porque son xente máis fráxil, é coma se metes un raposo nun galiñeiro.

-Non recibir visitas agudiza o seu deterioro?

-Hai que priorizar a saúde, pero obviamente ten consecuencias moi negativas e habería que buscar alternativas como as vídeochamadas. Aínda que nos casos de demencia iso non serve, porque precisan o contacto. Poden non recoñecer a un familiar, pero perciben a conexión e tamén a falta desa persoa.

«A miña profesión permíteme tocar distintos paus»

Ten claro que a súa é unha profesión vocacional, aínda que el non soubo que quería estudar até segundo de bacharelato. «Cando xa me tiña que decidir, basicamente», apunta entre risas Bugallo, que tras estudar Psicoloxía doutorouse en Xerontoloxía.

«Ao acabar a carreira especialiceime en psicoloxía evolutiva, centrándome máis nos nenos porque me gustaba moito esa rama. Logo fixen o doutorado en xerontoloxía e agora vou presentar a segunda tese. Síntome moi afortunado co meu traballo porque teño a sorte de que toco todos os paus», apunta o muxián.

Para el, a figura do psicólogo xa está normalizada, pero recoñece que aínda é un tema difícil de afrontar no ámbito familiar. «Como sociedade xa temos asumido que é normal acudir a un profesional da psicoloxía, pero a cousa cambia cando nos toca de preto por un familiar. Aí é cando a xente aínda ten un pouco de dúbidas e asúmeno como algo malo, e para nada. É un especialista da saúde moi beneficioso para calquera persoa».

«Agora mesmo estou confinado por un caso de covid próximo» 

Bugallo está a vivir en primeira persoa o que supón a pandemia xa que dende hai uns días atopase confinado no seu domicilio tras confirmarse o positivo da súa muller. «Eu atópome ben e a miña muller tamén. Está illada e os primeiros días tivo os síntomas típicos», apunta.

O psicólogo destaca que é unha situación complicada e que cada persoa a afronta de xeito diferente. «Os consellos que se poden dar son moi xerais. Hai moitas persoas illadas que non se senten soas. Non é o mesmo a soidade física que a emocional. Ás veces estando acompañado un séntase tamén só», explica.

Para el, as novas tecnoloxías desempeñan un papel fundamental. «Grazas a elas moitas persoas non se senten illadas. Aínda así, non é un tema novo e levamos anos falando disto. Cantas veces estás con alguén e estás co móbil? Son novas formas de socializar, pero nunca poden suplir o contacto humano. Realmente o que vale é o cara a cara, que foi o que o confinamento quitou e nos custou asumir», sinala.