Rosalía elevou a sublime a paisaxe de Muxía

Xornada no Parador Costa da Morte | Anxo Angueira cualificou de memorable o encontro, que se pode repetir no futuro


Carballo / La Voz

O mar de Muxía amosaba onte «unha grandiosa desorde» e estaba convertido nun «conmovedor espectáculo», como escribira Rosalía de Castro en La hija del mar. O Parador da Costa da Morte foi o escenario da xornada Rosalía na Costa da Morte, na que houbo interesantes disertacións, percorridos polos espazos rosalianos, un recital poético e unha actuación musical. Todo encadrado nunha iniciativa da fundación rosaliana co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 e que foi clausurada polo director xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Rosalía elevou a sublime a paisaxe de Muxía. Podería ser o resumo da intervención de María López Sández, que profundou na estética do territorio na obra da autora e máis en concreto nas dúas composicións relativas ás terras muxiás. Como os románticos romperon coas tendencias anteriores de considerar negativos o mar bravo, as montañas agrestes ou os lugares desérticos, Rosalía converteu estes ámbitos en espazos amables e sublimes, fronte ó simplemente belo ou harmónico. Foi froito dunha evolución filosófica da estética reflectida de forma clara en La hija de mar, novela ambientada na vila da Barca. «Para Rosalía, o sublime é Muxía», dixo López Sández.

«A grandiosa desorde» e o «conmovedor espectáculo» do mar «é a paisaxe que Rosalía vai recrear en La hija de mar», afirmou María López. A poeta, coa súa formación e a súa concepción estética do territorio, «foi clave na reconfiguración da paisaxe galega», engadiu a conferenciante. É unha maneira de valorizar e dignificar unha terra que a autora desexaría que fose descrita por grandes escritores europeos. A esta sublimación dos espazos tamén se sumou Eduardo Pondal.

Manuel Vilar, muxián de Santa Mariña (Coucieiro) e director do Museo do Pobo Galego, foi o segundo conferenciante da xornada. Situou no contexto histórico a presenza de Rosalía en Muxía no ano 1853. Cos datos que ten, relativizou a importancia da epidemia de tifo, pois o incremento das defuncións documentadas ese ano non foi moi significativo. Tamén aludiu a parentescos e a amizade da poeta cos Pondal, Lago e Abente e rematou reivindicando a posta en valor de toda a toponimia literaria rosaliana e pondaliana, así como o perdido intento de realizar a ruta Ponteceso-Nemiña e unha antoloxía poética de Muxía.

O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, cualificou de memorable a xornada, valorou a presenza de Valentín García e propuxo que se repita no futuro.

Un paseo, un recital e a música completaron o día

Xurxo Souto, que xa se amosou moi activo na xornada matinal, tivo a misión de dirixir unha saída literario-musical por Muxía na sesión da tarde. Transcorreu o ameno paseo por lugares rosalianos, o Camiño da Pel e houbo subida ao monte Corpiño, un miradoiro no que a inmensidade do mar da Costa da Morte forma un complemento perfecto a unha xornada cargada de poesía. Houbo espazo tamén para López Abente e incluso para a regueifa de Lupe Blanco. Logo continuou a o programa cun recital no que Rosalía estivo moi presente. Recitaron Rosalía Fernández Rial, Estevo Creus, Miro Villar, Rafael Lema, Concha Blanco e María Canosa. Foi un diálogo case permanente coa autora de Cantares Gallegos. Belem Tajes, con alma de Camariñas, puxo o adorno final con voz e música e tamén apostou por un tema rosaliano. Os aplausos pecharon o día.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Rosalía elevou a sublime a paisaxe de Muxía