Anxo Angueira: «Rosalía é de quen queira ser de Rosalía»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Ana Garcia

GENTES DEL FINIS TERRAE | Unha xornada no Parador tratará a relación da poeta con Muxía e a Costa da Morte. Así fala o presidente da Fundación Rosalía de Castro 

28 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Parador de Muxía acollerá este vindeiro sábado a xornada Rosalía na Costa da Morte, impulsada dende a Fundación Rosalía de Castro co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Anxo Angueira (Manselle, Dodro, 1961), presidente da entidade, aborda o xerme do encontro.

-Como se chega a esta velada?

-Tiñamos xa idea dela hai un ano, cando impulsamos Rosalía en Camiño, levando a poetas que viñeron de fóra, de diferentes linguas e países, a diversos puntos da xeografía rosaliana e tamén da Costa da Morte. Detivémonos en Muxía e entón, este ano, dentro deste programa Xacobeo, decidimos levar adiante a xornada. A idea básica é verificar a importancia de Rosalía en diferentes xeografías, facer a Rosalía non só de Padrón ou de Santiago, senón de toda Galicia, e sobre todo daqueles lugares que son importantes para a súa vida e a súa obra. Muxía é un deses espazos.

-Xa no 2013 houbera un acto en Muxía, lembrando «Cantares gallegos» e o poema «Nosa señora da Barca».

-Efectivamente, ao pouco de ser eu presidente da Fundación Rosalía. Estaba operativa, daquela, a López Abente. É de destacar, tamén, que esta xornada busca estreitar lazos, lazos de Rosalía con Muxía, lazos de Rosalía cos escritores e poetas da Costa da Morte, do pasado e do presente... Rosalía é como un vínculo de unión con esa xeografía, mais tamén coa súa cultura e literatura.

-Hai algo máis ca ese paso de Rosalía por Muxía cando era unha moza duns 16 anos?

-Os expertos terán a palabra este sábado. Esa parte de Rosalía está documentada, pero arredor dese paso hai moitas máis cousas: como era a Muxía daquel tempo, que foi feito naquelas lanchas e botes que acudían á romaría... Queda memoria desa náutica e mesmo puido ser posible que Rosalía chegase á festa con Eduarda [irmá de Eduardo Pondal, quen logo sufriría tifus] en barco. Tamén La hija del mar nos pode facer reflexionar e repensar a historia mariñeira de Muxía, a súa relación co mar e a pesca. É dicir, hai camiños que nos permiten abrir esta relación literaria e puntual de Rosalía coa vila.

-Rosalía é moi divulgada, mais semella que sempre queda algo por dar a coñecer.

-É unha fonte inesgotable. Estamos agora mesmo nunha campaña de captación de vontades e de apoios, de amigos da Casa de Rosalía. Observamos como moitos concellos queren ser de Rosalía [fala de Mugardos ou Rois, por exemplo, casos máis recentes]. Rosalía é de quen queira ser de Rosalía: é un emblema que nos une a todos. Máis aínda nun lugar tan especial como Muxía e a Costa da Morte, que ela retratou. É un orgullo para esa zona e tamén para nós, para a fundación, ver que a vila nos acolle, e que hai unha querenza pola escritora.

-Rosalía tamén é de Muxía, tense dito nalgunha ocasión.

-Pois claro! Diso se trata. A fundación ten que estar alí onde a xente quere ser de Rosalía, alí onde a xente quere lembrala. Agora podemos facer esta xornada, pero por que non repetila máis veces, dado que hai moitas perspectivas sobre as que reflexionar.

-O programa é completo, con espazo tamén para os nenos.

-Intentamos certo nivel académico coas dúas charlas da mañá, de María López Sández e Manuel Vilar (11.00 e 12.00 horas), pero tamén certo nivel de lecer dirixido a pequenos e adultos, con Viki Rivadulla e Xurxo Souto (roteiros ás 13.00 e as 16.30), para procurar algo fundamental, que é o que pretendemos, pisar o territorio. Despois, como non, daráselle voz á poesía da Costa da Morte. Non están todos, pero haberá máis edicións [ri]. Pechará o encontro o concerto dunha muller que é toda unha referencia neste tempo e que ademais é desa comarca, Belém Tajes. Falamos, pois, dun programa amplo e denso. Tocounos facelo neste tempo difícil, pero temos a fortuna, pese a todo, de ter un espazo marabilloso para acollelo, como é o parador de Muxía. Prestouse á colaboración, coma o Concello, e ese é o noso cometido, buscar colaboracións. Estamos orgullosos. Non sei como está previsto que sexa o tempo, mais...

-A Costa da Morte estes días está sendo Costa da Morte.

-[Ri]. Máis que nada dígoo polo tema deses roteiros que irán polos espazos rosalianos.

-Xa que fala de colaboracións, que foi daquel proxecto das chamadas Vilas Literarias?

-Temos unha colaboración moi estreita coa Fundación Pondal, coa que somos como irmáns, e tamén coa Curros Enríquez, as tres fundacións do Rexurdimento. Non é algo institucional, pero existen proxectos comúns. O tema das Vilas non foi avante, pero seguimos na idea de buscar relacións non só entre as fundacións senón tamén entre as propias vilas, outro nivel: é unha relación transversal, da Galicia interior coa Galicia do eixo atlántico, a da costa. Queremos, doutro lado, organizarnos as fundacións galegas: temos circunstancias distintas, pero tamén problemas comúns.

Para anotarse na xornada. Os interesados en tomar parte neste encontro deben enviar un correo a fundacionrosaliadecastro@gmail.com para reservar praza.