Félix Porto: «O sector primario estivo ao pé do canón, dándoo todo, coma sempre»

A pandemia fixo descender os prezos en orixe dos produtos do sector primario, di o que foi alcalde de Muxía durante 12 anos, agora avogado en exercicio


Carballo / La Voz

Félix Porto Serantes (1965), avogado en exercicio e responsable da Área Externa de Unións Agrarias, volveu ao sindicato no que xa traballaba anteriormente tras doce anos como alcalde de Muxía; un posto, asegura, do que bota de menos «o trato humano», o contacto directo coa xente.

-Que tal este primeiro ano lonxe da primeira liña da política local?

-Ben, porque fixen un período de adaptación e na última etapa estaba xa practicamente desconectado do Concello e incorporado ao posto de traballo. A adaptación foi boa, porque xa sabía o que había; aínda que o cambio nótase, claro está, sobre todo nas relacións humanas. Sigo mantendo ese contacto con amigos e veciños, pero non é o mesmo porque estou practicamente toda a semana fóra, en Santiago.

-Onde o colleu a corentena?

-Estaba en Santiago, pero eu creo que todo o mundo era consciente de que se ía declarar o estado de alarma. Mantivemos servizos mínimos, primeiro acudindo luns, mércores e venres, e despois acudindo xa todos os días.

-É que o sector primario foi dos poucos que non parou nada.

-Estiveron ao pé do canón, dándoo todo e traballando como sempre -a pesar desta situación- ao tratarse de produtos de primeira necesidade e ter que subministrar ao mercado. Tiñamos unha campaña de sensibilización da opinión pública que quedou paralizada coa crise, pero que teriamos que retomar. Algúns mesmo fixeron o seu agosto a conta do produtor, como é o caso do sector cárnico, cunhas baixadas en orixe bestiais. E pasa en tódolos sectores: hai unha merma de prezos importante con respecto a antes da pandemia, e iso que antes da crise eramos optimistas. Deben articularse medidas para evitar que isto siga sucedendo, porque o consumidor final está pagando o mesmo, o cal quere dicir que alguén se está quedando cunha parte importante dos beneficios.

-Estanse aproveitando as grandes compañías dunha crise que, a priori, non lles afectou demasiado?

-É o que sucedeu sempre: cando o río vai revolto, ganancia para os pescadores. Non pode ser que se aproveiten da atomización e dispersión do sector, así como da súa falta de capacidade para negociar mentres os gobernos miran cara outro lado. As industrias están nunha posición de forza e impoñen os prezos unilateralmente ?en tódolos produtos agrarios- e ao gandeiro a única opción que lle queda é asinar.

-Previamente á pandemia había plans para negociar colectivamente os prezos.

-Paralizouse todo, e lonxe de haber unha negociación colectiva o que hai é unha imposición colectiva. O que non queren, baixo ningún concepto, é que os produtores se organicen. E algúns mesmo teñen a desfachatez de deixar de recollerlle o leite a aqueles que forman parte de organizacións de produtores.

-Por enriba, castigos.

-É a realidade que toca vivir día a día, mentres a Administración mira cara outro lado. Fáltannos políticos valentes que tomen decisións valentes que beneficien á maioría. Non lles tremeu o pulso á hora de tomar decisións que prexudicaron a miles de explotacións. Hai unha sanción da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia de 84 millóns de euros ás industrias por prácticas ilícitas entre o 2000 e o 2013. Fíxose efectiva a 11 de xullo do 2019 e estamos traballando, en plena batalla xudicial, para interromper a súa prescrición (sería o 11 de xullo deste ano). Se a Audiencia Nacional a ratifica ábresenos a posibilidade de demandar ás industrias polo dano que xeraron aos produtores pola diferenza de prezos.

-Non corren risco os gandeiros de que, se demandan, as empresas tomen represalias?

-Non, e nós vamos encargarnos de explicarlles a cada un deles o que poden facer de xeito que os produtores que aínda venden non teñan represalias por parte da súa industria. Pode reclamar calquera que vendese entre os anos 2000 e 2013, independentemente de que estean xa xubilados, por exemplo. Nós convidamos a todo o mundo a que, polo menos, se informe. Nós imos interromper a prescrición coas reclamacións que teñamos antes do 11 de xullo, co cal non cabe agardar a ver que sucede co veciño.

«Ver o Parador de Muxía rematado é unha das cousas que máis satisfacción me produce da miña etapa política»

A recondución de fondos europeos a outras áreas, como a loita contra a expansión do virus ou a reactivación económica, fai temer ao agro por unha posible redución na designación de axudas da Política Agraria Común.

-Pode afectar esta crise á dotación de fondos para a PAC?

-Eu creo que debería ser no sentido inverso. Ante situacións excepcionais hai que tomar medidas excepcionais. Se se demostrou que o sector primario é esencial, o que hai que apostar é pola súa consolidación.

A PAC ten que servir para dúas cousas. Primeiramente para, neste primeiro envite, apuntalar e evitar que a crise se leve a moitas explotacións por diante. Non fai falla que se doten de maiores partidas orzamentarias, senón que se prioricen estas situacións. O que se faga, haino que facer xa, porque senón esta crise pode levar ao peche de miles de explotacións. O que prima agora é sentarse, facer unha batida da realidade que nos toca vivir, ver de onde se sacan os fondos, reconverter esas inversións e asegurarnos de que vaian a onde temos que ir. O máis importante neste momento é manter o que temos vivo. Cando morra o sector non nos van servir de nada novas iniciativas ou proxectos. O momento de facelo é agora.

-A próxima semana, despois dun interminable proceso, por fin abrirá o Parador de Muxía, unha das súas grandes loitas.

-Na miña etapa política, xunto co porto deportivo e o Camiño de Santiago, foron os tres eixos que eu tratei de potenciar, amén de infraestruturas que quedaron comprometidas, feitas ou a piques de facer. O Parador é unha das satisfaccións máis grandes, despois de todo o que pasou nestes anos. É un legado importante que vai supoñer para Muxía un gran impulso ao seu turismo., como tamén ao do resto da Costa da Morte.

-Vostede foi parte esencial do proceso. Gustaríalle estar presente se algún día se pode levar a cabo unha inauguración con todas as da lei?

-Fun convidado por Paradores á anterior inauguración que había prevista, de feito. Pero creo que finalmente declinarei a invitación porque creo que agora tócalles a outros. É o seu momento. Que o disfruten e que quede para moitos anos para todos nós. Eu agora estou xa nunha etapa diferente da miña vida.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Félix Porto: «O sector primario estivo ao pé do canón, dándoo todo, coma sempre»