Jesús Lema: «Convidamos aos socios a que ofrezan os seus locais en casos de emerxencia»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial REDACCIÓN / LA VOZ

MUXÍA

CEDIDA

O presidente de Muxía Turismo Natural comparte recomendacións coas entidades Aptcm e Solpor, con ducias de membros

18 mar 2020 . Actualizado a las 19:32 h.

Jesús Lema Caamaño (51 anos) é o presidente, dende hai case dous anos, de Muxía Turismo Natural, unha entidade que durante anos aglutinaba só aos establecementos de turismo rural, pero que dende maio de 2018 inclúe tamén ao resto da hostalaría do municipio. Esta pasada fin de semana reuniuse cos máximos responsables das asociacións Solpor (con membros en todo o Camiño cara Fisterra e Muxía) e Aptcm (toda a Costa da Morte, ademais de Carnota e Mazaricos). Entre todos suman ducias de empresas dedicadas dun ou doutro xeito ao turismo. E decidiron, entre outros temas, recomendarlles que pechen -legalmente, só están obrigados os albergues públicos-, e tamén que colaboren na medida do posible coa xente que o necesite. E entre elas, a súa, Casa de Lema, en Morpeguite (Coucieiro), aberta dende o 2006.

-É só unha recomendación.

-Claro, é que non pode ser outra cousa, non lle podemos obrigar a ninguén a nada, depende de cada un. Tamén acordamos pechar, e así o fai a maioría, pero hai algún local aberto por aí. Nós convidamos aos socios a que, se poden, ofrezan os seus locais en casos de emerxencia. De que se necesiten as camas. E iso que cando decidimos iso aínda se podía saír da casa, pero xusto ao pouco de acabar a reunión xa Feijoo anunciou unhas medidas.

-Como está a situación en xeral?

-Pois con cancelacións masivas, en bloque. Quedamos a cero, nós e todos.

-Que lles supón?

-É unha catástrofe. Moitos negocios con un ou dos empregados aínda o poden solventar sen moito problema, pero os que teñen 20 ou máis, a ver como fan. Iso, a nivel de emprego, porque as perdas para todos son enormes. Na hostalaría, por exemplo, o desastre económico é monumental. Para erguernos, cando isto acabe, a ver como facemos. As tres asociacións xa falamos de reunirnos co Clúster de Turismo máis adiante para ver a que axudas podemos optar. Hai unha perda de diñeiro tremenda.

-E que chega, ademais, neste momento, antes de Semana Santa.

-E da ponte de San Xosé! Que coincide ponte e día do pai. Xa só na ponte desta semana estaba previsto encher. De feito, eu falara con hostaleiros de Muxía para ver de facer unha campaña gastronómica, pinchos mariñeiros, actividades... E xa me dixeron que para o 19 nada, que estaba todo cheo de reservas, que máis adiante.

-E xusto despois, en quince días, a Semana Santa.

-Si, que na Costa da Morte é sempre moi boa. E por todas partes. Pero todo anulado: a Mostra do Encaixe, Fisterra, o Congro... Todos tiñamos previsto encher. De feito, eu aínda teño aí unha reserva de cinco días con catro habitacións para xente de Valencia, por exemplo. Pero aínda que se manteña, e que se poida abrir, sen todas as actividades que hai na comarca, moitos van decidir non vir. A xente xa non se move, hai pánico e medo, é normal.

-E peregrinos? Queda algún por aquí? Hai moitos negocios vinculados a eles.

-Non que eu saiba, polo menos por Muxía. Está todo pechado, e sábeno. Tampouco temos noticia de que haxa polo Camiño, a principios de semana si que se comentaba de que había algúns por Negreira, pero ao ver como estaba o tema, xa marcharían.

-Está pendente a apertura do parador de turismo. En principio, para o 4 de abril. Que lle parece?

-É curioso que, nesta situación, lle sigan medrando as reservas. Supoño que a gran maioría serán dos clientes que teñen a tarxeta de Amigos de Paradores, que son moitísimos, pero tamén me consta que hai xente de por aquí interesada en ir. Nós temos un convenio con Paradores, firmado en Fitur, para que, cando a xente non poida reservar alí, chamen ás casa rurais. E algún da Costa da Morte xa me chamou.

-Cre que vai ser bo para a Costa da Morte?

-Moi bo. Sobre todo para a hostalería. E para a artesanía e negocios similares. A xente que se hospeda en Paradores móvese. A maioría non ía vir a Muxía sen máis, pero agora vén porque ten aí esa opción. As experiencias doutros paradores co entorno son moi boas, segundo din os seus responsables. Potencia as casas rurais, hai eventos importantes, congresos. Fai destino.

-E iso que a Costa da Morte xa ten un nome.

-Dende que eu empecei, e sobre todo dende o Prestige, non deixou de medrar en todo. Antes a oferta que había era mínima, e agora somos unha marca de calidade.