Campanarios

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

MUXÍA

03 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez que vou a Berdeogas, e vou bastante, non podo evitar subir ao alto do campanario. Aos meus anos, si, que xa o corpo non é o que era, aínda que teño visto vellos de 90 e pico anos (é certo) gabear por árbores e esqueiros cunha rapidez case máxica. Os vellos de antes, os que duraban moito, eran doutra raza.

Para quen non o coñeza, é exento, de pedra, cunha calidade de cantería excepcional, coa escaleira en forma de espiral ou caracol, como as que hai para subir aos faros, ou na Torre do Faro de Brantuas. Estreita, húmida: hai que ir con tino; pero esa viaxe no tempo e no (pequeno) espazo compensa moito a vista final, tanto das campás como de todo o que hai derredor: o río, o pombal, a propia igrexa, o castro, o cruceiro. Se ao baixar pisas mal ou esvaras seguramente levarás un enorme desgusto e algunha magoadura, e non estarás para poesía nin para historias, pero aí está o tema, amigo: todo o bo custa, e neste caso, ademais, é gratis.

O de Berdeogas (unha parroquia que, por outro lado, ten unha historia tan lonxeva e interesante como descoñecida) é un dos meus campanarios favoritos, aínda que en xeral os exentos teñan ese sutil encanto dos que bailan (tocan) sós. Penso no de Vilastose, no vello da Ponte do Porto, mesmo no de Muxía... Pedra, son recio, boas vistas, vida propia. Agora todo cambiou. Cada vez son máis os electrónicos, que manexas co móbil! Ou que dan a hora, as puntas e as medias. Eu, que non soubera de cando lle puxeran ese sistema ao noso de San Cremenzo, a primeira vez que o escoitei pensaba que morrera alguén. A segunda, tamén. Pero só era a unha da tarde, menos mal.