Comezan os días grandes da Romaría da Virxe da Barca de Muxía

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

«Era un mundo de sensacións novas», lembra o pregoeiro, Xoán Babarro, sobre a súa chegada á localidade. A festa segue hoxe

14 sep 2019 . Actualizado a las 16:54 h.

«Non ía en pantalóns curtos, pero case», lembraba onte cun sorriso o escritor Xoán Babarro aquela súa chegada a Muxía. Tiña sobre 23 anos, corría o 1971 e na localidade da Barca ficaría durante nove, como mestre. El foi este venres o pregoeiro da Romaría da Barca: chegoulle a invitación a través do alcalde, Iago Toba, e acolleu o encargo «con moita ilusión». Supón, contaba, retomar o trato da vila, con aqueles anos nos que este mozo ourensán ao que o mar lle quedaba algo lonxe pasou a vivir ao pé del, en plena Costa da Morte. «Da miña chegada pasaron xa case 50 anos», conta. Aínda ten presentes aquelas primeiras sensacións, «totalmente novas». Mesmo lle atopaba algo de exótico á vila, confesa.

Lingüista, autor de numerosas publicacións dirixidas a público infantil e xuvenil, Babarro é tamén membro correspondente da Real Academia Galega. O seu de onte foi, sen dúbida, un pregón distinto para a súa primeira vila mariñeira: «A Barca e Muxía están moi ligadas á poesía. Rosalía, Lorca, López Abente...», explica. É por iso que, aínda que pronunciase unhas primeiras palabras de presentación, optou por ofrecer ante os presentes na praza Cabo da Vila unha intervención en verso na que resaltou dende as bondades paisaxísticas da localidade á súa riqueza cultural ou os moitos poetas que a loaron. Atreveuse, tamén, a propoñer a Costa da Morte como candidata a Patrimonio da Humanidade.

Por suposto, quixo tamén chamar á diversión, a vivir a festa. Xoán Babarro ten a súa residencia fixada na Coruña, pero Muxía quedou gardada no peto. Puido onte reencontrarse con antigos alumnos: «O alcalde, precisamente, é fillo dun alumno», detalla. Traballou este docente arreo pola introdución do galego nas aulas, e ese pouso deixouno nos estudantes. «Cando cheguei a Muxía estabamos aínda nos últimos anos da ditadura e non era usual que un mestre falase galego, e menos aínda que o incorporase ás aulas. Fíxeno porque me saía de natural e porque me parecía de lei. Era o que pedía o ambiente». Lembra Xoán a boa aceptación que tivo por parte dos estudantes e dos propios pais. Ao segundo curso xa tiñan libro de galego, oficial en certa maneira, e nunca chegou a ter problema ningún con Inspección. Quizais por ter presentado ben o seu proxecto. «Estiven moi arroupado polos mestres. Un fai cousas, pero nunca son en solitario», valora. Coas súas palabras déronse por iniciado os días grandes da Barca. Pode ler o pregón ao completo picando aquí

Programa para hoxe

Este sábado, día 14, haberá misas rezadas no santuario tanto pola mañá como pola tarde, ademais de cantada, ás 13.00 horas. A banda de música Eduardo Pondal de Ponteceso, gaitas fisterrás, Xaramiños do Corpiño, Peta Forte, Os Santiaguiños, NBA, Os Kilomberos de Monte Alto, O Rumbo de Sardiñeiro e o grupo de xigantes e cabezudos de Muxía animarán esta xornada, así como as orquestras La Ola e París de Noia, ademais da discoteca móbil CDC. Gran sesión de fogos de artificio ás 0.30.

ANA GARCIA

Continúan as peregrinacións 

Dende Bamiro a Muxía. Xa é tradición no bar Zurich de Bamiro organizar unha camiñata anual á Romaría da Virxe da Barca. Fixérona onte, saíndo á primeira hora dende o local: «Eu xa levo 32 anos indo», conta Emilio Mouzo, ao fronte da iniciativa. Anda cada un co seu motivo, por suposto. Contaban con chegar a Moraime sobre as 14.30, para logo continuar ata o santuario.