O pregón de Xoán Babarro na Romaría da Barca 2019

Pode ler aquí o texto íntegro pronunciado polo docente e escritor para dar por iniciadas as festas de Muxía


Cando me convidaron hai uns días a dar este pregón, transporteime instintivamente a 1971. Ese ano o Concello de Muxía erixe no Paseo do Malecón o monumento ó escritor Gonzalo López Abente a quen a Real Academia Galega dedicaba o Días das Letras, ademais de dar a coñecer a súa Monza de frores bravas, unha obra ben significativa dentro do ciclo literario relacionado con este noso culto da Barca. Pois, nesas datas, chegaba eu a Muxía. Para min, que son ourensán e que viña dun centro escolar da montaña asturiana, vivir nunha vila da beiramar descubríame un mundo totalmente novo e emocionante. Así que, pensando en todas estas cousas, decidín iniciar esta comunicación con lembranzas daquelas miñas primeiras vivencias, que, de seguro, coincidirán coas de moitas e moitos dos presentes. E tamén optei por redactala en verso, en recordo do autor de Nemancos e de tantos outros que cantaron esta terra. Aquí vos vai, logo...

Festeiros e mais festeiras,

grazas pola compañía.

Grazas, outra vez, Alcalde,

por tan amable benvida.

Tamén ós da Comisión

e ós veciños de Muxía

por me outorgaren a honra

de figurar este día

botando o pregón da Barca

no mesmo Cabo da Vila.

Un cabo que é corazón,

que é praza maior, que é vida,

que latexa na alta noite

cos tombos da marusía,

que, aló no setenta e un,

bautizoume unha noitiña

co culicuar das gaivotas

e o recendo dunha brisa.

?Baixaba eu coa maleta

dun lento coche de liña?.

Tras o bautismo de arghaso,

abrín os ollos axiña

e mergulloume unha vagha

de verbas, coma escondidas...

A Crus, A Ghrixa, A Camposa,

Os Malatos, A Ghurita,

a pedra da Persebosa,

a dos Cuiros, A Vixía...

E aboiábanme estes nomes,

coma en ondas xeremiñas,

cal cunchas de tereixolas

que coa nácara enfeitizan.

Entón, faloume a paisaxe

coa súa lingua durmida...

O silencio das ghamelas,

xente absorta cara á ría,

o trecolear do rolete,

unha muller que panilla,

as bandeirolas de congro,

as cabrias ó vento espidas,

as xostradas do Nordés,

a saudade da bughina,

unha rapasa esperando

un traxe de augas á vista,

o vogar dos arroases,

o axexar da Buítra,

os misterios do Perello,

o Vilán coa súa pica,

o enfado do Coído

cando as xerfas intimidan

e as voces da madrugada

pensando en temóns e quillas.

E vin no Santuario a Lúa

conversando ás caladiñas

coa Señora que navega

sen medo ós cons e ás restingas.

E, un día, abalén a Pedra,

daquela aínda cumprida,

ghatuñén baixo os Cadrís

coma os que van de ofrecida

e, seguindo a tradición,

namoreime aquí na Vila.

Deses anos de ilusión,

conservo amigos e amigas,

meu cordón umbilical

co palpitar de Muxía,

un truel que nos atrapa

con afecto de familia.

E, sen eu ser muxián,

gardo un aquel desta ría

desde que fun bautizado

coas algas que recendían.

Salvando cento dez anos,

tamén digo o que dicía

o poeta Abente Lago...

“de xeito que non hai no meu Muxía

curruncho nin petouco

que, sexa moito ou pouco,

non me lembren os feitos doutro día”.

E, facendo un pequeno corte, quizais deberiamos lembrar un dos aspectos máis sorprendentes desta pequena península do Esteiro, a omnipresenza temporal da Barca. O sentimento por esta especial celebración mantense durante todo o ano. Os días grandes de setembro resultan tan só a efeméride para cerrar un ciclo e iniciar outro novo…

As Festas da Barca son

a devoción e a alegría,

un aparello invisible

que nos pesca á caída,

unha copiosa marea

de sensacións renacidas.

Por iso, ó final do vran,

repite O Corpiño a rima

“coma sábado da Barca

non o vin na miña vida!”

e mantén durante o ano

mil poemas e cantigas

dos poetas que cantaron

a estas Festas e a Muxía…

Da “Barca más prodigiosa”,

que Rioboo escribira,

a das flores e altas penas

que musicou Rosalía,

a da ruada de Lorca,

a que mazarocas fía

co ouro co que Lestón

envolve a abacial Monxía,

á que o autor Canosa Puente

pinta con “brancas casiñas”,

a da Pedra que a Valente

por este mar levaría

e os mil cantos que os romeiros

poñen en mans da Santiña.

Que dirés de don Gonzalo?

A el nunca esquecería,

porque exaltou estes lares

como tan só el sabía...

“Penedos altos penedos”,

“escumas e ardentías”,

“tecendo con tolo afán

ensoños de lonxanía”.

Eis a súa Fundación

lucindo cal faro en illa

cun ronsel na morriñada

marcando unha senda viva,

para poñer no máis alto

a bandeira dasta Vila.

Calquera que se aproxime a estes dominios da Buserana, ó saber da Fundación Gonzalo López Abente darase conta da estima que ten o pobo muxián polos seus escritores; pero, ó mesmo tempo, decatarase tamén de que esta atormentada costa é un claro expoñente de cultura popular, tanto material coma inmaterial, así como de manifestacións literarias e artísticas de todo tipo. Deste xeito, seguindo co verso, podemos afirmar que...

É Muxía un potencial

na nosa literatura,

como tamén é no mar,

na tradición, na pintura...

Tantos homes e mulleres

trazando unha singradura!

Os Mouzo, os Toba, os Soneira,

os Balboa, os Ribadulla,

os Castro, os Sar, os Barrientos,

os Allo, os Rial, os Búa,

os Vilela, os Novás

e os outros moitos que suman.

Do próximo Xacobeo,

o final da vella ruta

debería declararse

a Capital da Cultura

e toda a Costa da Morte

a nova candidatura

a Patrimonio Mundial,

pois, pra tal, sóbralle altura.

Pero hoxe, que houbo foguetes,

toca facer caso á música,

perdernos na algarabía...

Benvidos todos á Festa

en nome dos de Muxía!

Bailade ó son das orquestras,

probade o pan e as rosquillas,

gozade coas atraccións,

moito tino coa bebida

e coidemos deste chan

coma de ouro que escintila,

que o herdamos dos avós

e é a nosa regalía.

E, agora, afinade a gorxa,

porque imos botar dous vivas.

Vivan as Festas da Barca!

Viva por sempre Muxía!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Tags
Comentarios

O pregón de Xoán Babarro na Romaría da Barca 2019