Pilar Conde Lema: «De nena, comecei a facer punto de calceta usando plumas de galiña»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

BASILIO BELLO

PERSONAS CON HISTORIA | «As agullas que había na casa facíanlle falta a miña nai, co cal saín ao patio, collín dúas plumas grandes e con elas fun calcetando», di esta muxiá, que aprendeu a palillar canto tiña só catro anos

12 sep 2019 . Actualizado a las 12:21 h.

Dos case sete mil setecentos millóns de persoas que hai no planeta, estímase que só algo máis de 113.000 naceron a día 1 de xaneiro, e que 1.300 deles están en España. A palilleira muxiá Placer Conde chancea e di que foi o particular «agasallo» de Aninovo de seus pais, que a trouxeron a este mundo un 1 de xaneiro de 1949, hai xustamente 70 anos.

Catro anos despois xa sabía palillar, e aos seis xa dominaba unha complicada técnica de encaixe á que chama «a dos cornos» e que aínda a día de hoxe non saben practicar en moitos lugares, segundo afirma.

«Vénme de sangue», di esta muxiá, «pois na miña casa xa palillaron miña bisavoa, miña avoa e unha tía». Se a tradición a antecedeu, tamén a soubo traspasar aos que viñeron despois dela. A súa filla maior palilla, «e tamén unha netiña. Non sabe moito, pero xa vai aprendendo», asegura. Se é por ela, ninguén «escapará» nesa familia sen namorar dos bolillos.

Ata lle ensinou ao seu fillo maior. Di que este oficio era antes cousa exclusiva de mulleres, pero que cada vez se ven máis homes con interese por aprender. «En Muxía hai un que ata sabe facer os cornos, coma min, e que ten moi boa man para isto».

Os inicios non foron doados para ela, pero ao nacer no seo dunha familia puramente encaixeira nunca lle faltaron materiais para ir aprendendo. «Os primeiros bolillos facíanse á man, pero despois xa se mercou un torno e facíanse con el. Os alfinetes e os cartóns mercabámolos á parte. Como as miñas avoas eran xa maiores e levaban tempo nisto, nunca faltaron materiais na nosa casa», narra a muxiá.

Plumas

A súa proxenitora non palillou, senón que se dedicou a facer punto de calceta, mesmo para a venda ao exterior. «Eu era pequena e quería aprender tamén o que ela facía -ademais do encaixe-, pero as agullas que tiña miña nai facíanlle falla a ela, co cal un día saín ao patio e, como tiñamos galiñas, collín dúas plumas grandes e funme defendendo con elas. Así aprendín a facer punto de calceta», rememora Placer. Ata que un día o seu avó, que era peón camioneiro, chegou á casa pola mañá e, «ao verme con eses instrumentos, díxome “non te preocupes, neniña, que che fago eu dúas agullas novas”. E así o levou a cabo, coas baleas dun paraugas vello». Moito mellor que coas plumas, ri, pese a que nunca tivo problemas para defenderse con elas.

O sustento dunha casa

Na actualidade, Placer non está en Muxía, pero aproveita o verán e citas destacadas como o mercado das Rutas do Mar para expoñer alí os seus traballos. «Merco algunha roupa, pero a maioría fágoa eu mesma, como tamén fago cousas para vender», relata. Neste senso, di que a situación da palilleira mudou moito nos últimos decenios. Nos tempos de súa nai ou de súas avoas o encaixe «era o sustento da vida» nunha casa coma a súa, na que «tódolos cartos que viñan eran benvidos».

Seu pai andaba ao mar e súa nai, ademais de calcetar, ía co peixe á vila «para o que para nós antes era vender, que non era outra cousa que trocalo por outros produtos, como patacas, fariña, millo, fabas... O que houbera e puidese ser útil na casa», lembra.

Agora pouca vida se pode sustentar co encaixe, lamenta. Algunha xente interésase, di, miran a mercancía e mesmo mercan algo, pouca cousa. Pasou a ser un produto de luxo, algo que non tódolos petos poden financiar, pese a que os prezos, moitas veces, se «tiran» polo chan. «Os turistas, como digo eu, veñen pobres. Con esta economía pouco se vende», engade.

Rivalidade

Placer conta que en Muxía non hai unha, senón catro asociacións que engloban a tradición palilleira por todo o concello: «Dúas na propia vila, e as outras dúas nos Muíños e en Ozón». Terra encaixeira, presume, aínda que a «fama» a leven en Camariñas. «Alí souberon venderse ben, promovelo, pero en realidade o bolillo veu de aquí, de Muxía. Antigamente non había porto na vila, co cal ían en mulas e cabalos ata Camariñas para levar o encaixe e mandalo a Cuba, a Arxentina e outros moitos lugares do mundo», explica Placer, que mesmo escoitou que o Titanic «ía cargado de encaixe de Muxía».

Hai rivalidade, pero da boa, da que fai que unha tradición coma esta non se perda, e que aínda se vexan algunhas cativiñas que, coma ela, aprenden a arte palilleira mesmo antes de saber ler ou escribir. «É un orgullo ver que isto non se perde, sería unha pena». Se dela depende, e polo menos no que se refire á súa descendencia, a liñaxe encaixeira non cesará.