Ana Varela Miño: «A poesía é un acto de rebeldía»

f. rodríguez / n. g. / p. b. CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Ana Varela xa ten outro poemario anterior premiado e publicado
Ana Varela xa ten outro poemario anterior premiado e publicado

A autora recollerá este venres en Muxía o seu galardón pola obra «Onde nacen as hedras»

26 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ana Varela Miño (Narón, 1978) recibirá na tarde deste venres no Salón do Voluntariado de Muxía (20.30 horas) o Premio de Poesía López Abente, do que resultou merecedora na súa sexta convocatoria por Onde nacen as hedras e do que falou en Radio Voz.

 -Primeira vez se presentaba ao certame. Por que? Como coñeceu o López Abente?

-A escrita é un proceso un pouco «cara a dentro», algo que vas facendo ti. Os concursos literarios permítenche sacar a obra, ver como vai e ver se gusta. Así foi. Escribín o poemario, traballei nel, e cando considerei que estaba pechado para min, como cadraba coa data do concurso, decidino. Para min significa moitísimo este premio, porque por un lado escollen a túa obra de todas as que se presentan, valórana positivamente e pasas a formar parte desa constelación de nomes que crean os premios, que son as outras poetas que gañaron antes ca min. O teu nome comeza a relacionarse con elas; co lugar, Muxía; e co galardón, o López Abente. Ademais, neste caso permite publicar con Xerais.

-Que quixo abordar en «Onde nacen as hedras»?

-Quixen traballar a ruína, o abandono e a perda de distintos tipos, desde diferentes puntos de vista. Tamén a ruína, como o que queda e sobrevive. Hai aí un proceso de cambio, ás veces un proceso de dor, e ás veces de transformación, pero sen unha carga excesivamente dramática: o que foi e o que queda.

-Que papel ten hoxe a poesía na sociedade, pois?

-Agora mesmo é unha actividade que se fai por gusto, e que se le por gusto tamén. Non ten ningún interese comercial, económico. Nunha sociedade que é un compendio de sucesos, de consumo, ás veces é un acto de rebeldía. A poesía é, ademais, o que queda, o que permanece. Para min é moitas cousas, tamén un espazo propio.

-Dende cando escribe?

-Dende hai relativamente pouco. Teño un premio anterior que tamén se publicou, pero nunha edición non venal: o Francisco Añón de Outes, no 2017. A partir dese foi cando empecei cunha escrita un pouco máis «cara a fóra». Doutra banda, eu son tradutora, polo que sempre escribo, pero non así, nun exercicio tan consciente.

-A poesía é o seu xénero?

-Por agora si. Non descarto explorar outros se me apetece, porque o que ten a literatura é esa liberdade para a expresión. É algo que fago por gusto, e sempre que me apeteza ou me chame, non o descarto, pero por agora só escribo poesía. Ás veces hai un exercicio de exploración. É como amasar o pan ou traballar con algo manual. Permíteche experimentar.

-Os certames estimulan?

-Dan unha moi boa oportunidade que hai que aproveitar, sobre todo para a xente que empeza. É un xeito de entrar, de probar e de publicar. Ademais, polo propio sistema dos concursos ás veces permite recuperar espazos que historicamente nos foron negados. É un xeito de poder amosar a obra.