Os retos deste novo mandato

La Voz

MUXÍA

25 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Rede turística. Toba quere aproveitar o Parador como motor «dunha estrutura, unha rede turística importante e coordinada a nivel local, comarcal e galego». Considera que o turismo, ademais do traballo que xa fan as entidades, é «a industria na que teño que medrar e na que máis podo influír directamente a nivel das políticas municipais», asegura. Moraime «ten que ser un foco importante» e por Touriñán ten «un interese e unha fixación que case se pode dicir que é persoal» e que comeza por «contar cun bo acceso». Ao seu xuízo, «Muxía ten que vender turismo, pero non a calquera prezo, cunha aposta fundamental pola calidade».

Sintonía persoal. «Se algo aprendín de Félix é que á xente hai que vela e tratala en persoa», di Toba que, por exemplo, o día da presentación do Parador non se separou practicamente nin un momento da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. «Síntome moi socialista, moi orgánico, moi de partido, pero, sobre todo, síntome moi muxián. Aquí logo sabes de que familia é cada un, a quen pode votar..., pero polos intereses de Muxía eu vou ir coa mesma cara petar a todas as portas. Estiven tamén coa secretaria de Estado de Turismo. Se teño que facer 30 viaxes a Madrid e conseguir unha cousa soa, pois é unha cousa conseguida», resume.

O inmediato. «Quero estar no pequeno detalle do mantemento do día a día, adaptar as cuadrillas a esa idea e, por suposto, continuar co ritmo do que xa funcionaba. Por exemplo, agora mesmo temos varias pistas que estaban moi deterioradas e que hai que arranxar. Quero ir moi sobre seguro. Non facer o que non son e que me saia mal. Penso estar moi a pé de rúa e que se vexa dende xa. Son inexperto, relativamente, pero penso que podo xerar na xente esa confianza», detalla Toba, sobre o que pretende que sexa a súa forma de gobernar.

Auga e saneamento. A auga de Suxo, por exemplo, e o saneamento son cuestións que considera «troncais» e que teñen que «quedar arranxadas neste mandato», por máis que algúns proxectos resulten complexos e non se lles poida dar solución de un día para outro. Pretende centrar neste campo algunhas das inversións máis importantes dos próximos anos.

Maiores. É unha das liñas fundamentais do programa, tal como xa adiantou na campaña. Pretende darlle un impulso decidido ao Servizo de Axuda no Fogar, mediante infraestruturas, pero tamén mediante a formación de persoal da localidade, co cal se cumpra unha dobre función, a de garantir a atención aos maiores e máis a de xerar emprego no municipio.