«Interesan outras cousas do Camiño, non só os cartos dos peregrinos»

TURISMO A TODA COSTA | O antropólogo Manuel Vilar, novo director do Museo do Pobo Galego, cre que, a longo prazo, priorizar o aspecto económico pode ser prexudicial


Carballo / La Voz

Primeiro foi Antonio Fraguas, a quen se lle dedicaron este ano as Letras Galegas; despois, Carlos García Martínez, histórico académico e patrón fundador das Fundacións Castelao e Pedrón de Ouro. Agora, o terceiro director que terá o Museo do Pobo Galego, tal e como decidiu o seu padroado o pasado sábado, será o muxián Manuel Vilar Álvarez, antropólogo, historiador e apaixoado dos camiños tradicionais. De feito, o seu último traballo foi unha guía dun roteiro de peregrinación por Brandomil (Zas), que ficaba bastante esquecido.

Moi vencellado á Costa da Morte, tanto no persoal como no laboral, nos últimos tempos está a traballar máis pola zona da Ribeira Sacra. «Aínda que eu podo traballar en calquera lado: aló onde haxa xente estarei interesado. Son un cidadán do mundo», di.

-Boas novas as que se coñeceron esta pasada fin de semana. Cólleo con ilusión?

-Moita, porque a miña vida, ao mellor, non tería moito sentido sen este museo. Levo vinculado a el dende practicamente a súa apertura, sexa dunha maneira ou doutra. Ademais, son socio dende hai máis de 25 anos e pasei por tódolos lados: fun socio de a pé, representante, membro do padroado, secretario.... Outros terán máis anos ca min no museo, pero non van tanto por alí.

Co cal, asúmoo con moitísima ilusión, e máis aínda sabendo que só houbo outros dous directores antes ca min nos últimos corenta anos: Antonio Fraguas e Carlos García Martínez, ambos fundamentais para a súa historia.

-Unha gran responsabilidade tomar este relevo, entón.

-Asústame un pouco, a verdade [ri], porque sempre te van a comparar, e eu non teño nin a calidade humana nin a talla de, por exemplo, don Antonio Fraguas. Iso si: estou disposto a traballar moito, sempre o dixen.

-Cal será a súa función?

-Pois, en esencia, programarei a actividade do museo, como a montaxe de exposicións. Pero traballarei, sobre todo, na imaxe exterior da institución. É un museo de Galicia e, como tal, ten que ser coñecido, pois se a propia sociedade non sabe del ou non lle interesa, é mellor pechar a porta.

-Máis aló do seu traballo co Museo do Pobo Galego, leva a cabo tamén un intenso labor antropolóxico e investigador. Non se aburre vostede.

-Non! [ri]. De feito, non me chega o tempo. Gústame investilo en cousas que penso que poden ser interesantes para a sociedade. Eu creo que o coñecemento é fundamental: a xente ten que saber da realidade na que vive, a súa historia, a cultura, a paisaxe, os camiños...

-O Camiño é un dos seus campos de traballo. Vímolo hai uns meses presentando unha guía da peregrinación por Brandomil, no Concello de Zas.

-Máis que o Camiño de Santiago, adoito falar dos camiños históricos, en xeral. Sempre dixen que o meu achegamento ao Camiño de Santiago foi por unha casualidade, pois vin que comezaba a ser reivindicado por algúns alcaldes, ao mesmo tempo que empezaban a destruílo. Para min os camiños -tanto o de Santiago como calquera outro- son fontes de coñecemento que falan dunha relación nosa co territorio co que habitamos, dándonos información histórica.

Nestes momentos só se mira a parte económica do camiño. Non digo que non sexa interesante, porque de algo temos que vivir e comer, pero mirar só as cifras de cantos peregrinos chegan ao ano ou cantos cartos deixan... Hai outros intereses no camiño que tamén deben terse en conta.

-Está contaminado o Camiño?

-Pois hai uns días tiven que ir a Santa Comba dar unha charla e puxen unha foto da etapa Santiago-Negreira [a primeira da prolongación a Fisterra e Muxía], chegando a Ponte Maceira, onde todos os postes están cheos de carteis publicitarios. A lei do Camiño di que iso non pode ser. Hai que estar aí e anunciarse para poder competir neste mundo global, pero non se pode monopolizar.

-Tamén de actualidade está a iniciativa para impulsar a Vía Mariana Luso-Galaica.

-Non estou moi familiarizado coa actividade desa asociación, pero recuperar os camiños, como paso histórico, sempre me parece interesante. Agora ben, esas rutas tamén deben adaptarse aos tempos: non é o mesmo recuperalas agora que o sería hai cincuenta ou cen anos.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
3 votos
Comentarios

«Interesan outras cousas do Camiño, non só os cartos dos peregrinos»