«Estou absolutamente convencido de que gañaremos as eleccións do 2019»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

ANA GARCIA

Os novos aspirantes ás alcaldías | Iago Toba Campaña pretende darlle continuidade ao proxecto iniciado polo seu antecesor, Félix Porto, en Muxía. Será o candidato a alcalde nas municipais do 2019 polo PSOE

16 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O marcado seseo de Iago Toba Campaña (1987), xa dende o mesmo momento de presentarse, evidencia a súa procedencia. «Eu son moi de Muxía», sostén. Arquitecto técnico de profesión, tamén foi docente de Matemáticas nun centro académico. Ante si, ten agora a difícil tarefa de relevar a Félix Porto, alcalde dende hai 11 anos, como candidato polo Partido Socialista de cara ás vindeiras municipais.

-¿Como entrou na política?

-Son edil dende hai catro anos, pero xa dende pequeno tiven unha gran vocación. En cada etapa da miña vida fun sempre moi comprometido co que tocase nese momento: formei parte do sindicato estudantil durante a carreira, colaborei cos compañeiros do partido aínda estando na Coruña... Hai catro anos Félix e o seu equipo déronme a oportunidade de formar parte deste proxecto... E aquí estou.

-¿Por que quere ser alcalde?

-Quero facer política que beneficie aos veciños, e baseándome sempre en tres liñas que me marcan na miña vida diaria: a honradez, o compromiso coa xente do pobo e o traballo constante. De tódolos xeitos, esta parte que eu poida aportar quizais sexa a máis pequena. Eu doulle moita máis importancia ao equipo que me acompaña e ao proxecto.

-¿Cando se tomou a decisión de que vostede sería candidato?

-Tardou en anunciarse porque queriamos ter moi definido o noso plantexamento e que equipo continuaría. Unha vez que Félix deixou claro que non seguiría, nós tivemos claro que queriamos darlle continuidade ao proxecto que el iniciara -porque lle viamos futuro- aínda que dándolle un novo impulso.

-¿Cree que os zapatos de Félix serán difíciles de encher?

-Non o vexo dende ese punto de vista, non sinto esa presión. E non a sinto porque todos, dalgún xeito ou doutro, seguiremos formando parte dese equipo. Félix é un gran alcalde, e o que me toca facer é analizar por que o é, absorber todo iso e convertelo nunha opción de futuro.

-A oposición seguramente o tilde de continuista, de non ter un proxecto propio sólido.

-Non me dá medo. Nós vemos que este proxecto funciona e segue xerando ilusión na xente. Se algo funciona non hai por que cambialo, senón melloralo e corrixir erros. Eu vou complementar este proxecto coa miña personalidade, as miñas gañas e a miña ilusión. Non vou destruír algo que sei que funciona.

-¿Vese capaz de gañar as municipais?

-Estou absolutamente convencido de que gañaremos as eleccións. Hai un gran compromiso detrás.

-¿Trataría de formar grupo de goberno se perdese as eleccións, ou considera que debe ser alcalde o líder da listaxe máis votada?

-Sendo consciente de que hai un proxecto e un equipo firme detrás, levaríao ata o final, a todas as consecuencias.

-A súa conexión cos máis novos, por idade, xa se presume evidente. ¿Como convencerá aos vetaranos?

-Dende que se coñeceu que eu sería o candidato estou notando unha gran empatía cos máis maiores. De todos modos, o binomio xente nova-maiores debe estar sempre relacionado, en todas as políticas que nós fagamos. Ten que haber oportunidades para a xuventude, para que os maiores poidan ter servizos e gozar dun maior benestar social, que ao fin e ao cabo é o que merecen despois dunha vida traballada.

-¿Que propoñen para loitar contra o despoboamento?

-Se convertemos a Muxía nun punto no que se xeren oportunidades, a xente intentará quedarse, e dígoo por experiencia propia: eu prefiro vivir en Muxía.

-¿Que parte xogará o sector pesqueiro no seu programa?

-Temos que seguir apoiándoa, pero sempre tendo en conta as poucas políticas que poden desenvolverse a nivel municipal. Axudaremos en todo o que o sector considere que os podemos apoiar. O importante é que perciban que hai un lugar ao que acudir cando precisen algo, aínda que sexa para pequenas cousas.

-¿Vostede tamén cree que a Xunta ten esquecida a comarca?

-Si que ten a Costa da Morte como secundaria. De todas formas, creo que as distintas administracións, sexan da cor que sexan, deben colaborar de cara ao benestar final dos veciños.

-En Muxía sofren as consecuencias da praga da pataca...

-Pouco a pouco -e, recalco, co esforzo da alcaldía e de Félix Porto, particularmente- foise capaz de endereitar un pouco a situación, pero hai que lograr a normalidade absoluta. Será algo no que teremos que traballar.

«Como administración local, temos que controlar que o turismo sexa de calidade»

O turismo, di Toba, deberá ser un dos puntais económicos nos que se sosteña o municipio.

-¿Ve o turismo como unha fonte de riqueza económica para Muxía?

-Será prioritario no noso goberno. O potencial turístico de Muxía é importantísimo e nós, como administración local, debemos ser dinamizadores dese turismo, pero tamén debemos controlar a súa calidade. Non hai máis que ver a rede de casas rurais que hai no concello, e que tan ben funcionan. Falaba de que Muxía debe ofrecer oportunidades, e o turismo pode ser unha vía para a xente nova.

-¿Qué recursos cre que se poden potenciar no municipio?

-Temos un concello moi completo e dinámico: visitas culturais, rutas de sendeirismo, unha rede de igrexas de alto valor patrimonial... Vender o noso gran produto, e sempre estando pendentes da calidade.

-En canto á Barca, ¿continuarán tamén con esa volta á tradición que se promoveu nestes anos?

-E ademais con pleno convencemento. A Barca ten que ser controlada por parte dos propios veciños, para así poder ofrecer unha romaría atractiva para os novos, pero sen perder a esencia que lle deron os maiores. Temos que mimala, coidala e seguir por esa liña que traballamos ata agora.