«O Camiño é a galiña dos ovos de ouro para Fisterra e Muxía»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

XESÚS BÚA

Tralo pasamento de Jesús Trillo, Jesús Lema, da Casa de Lema, asumiu a presidencia da entidade turística muxiá

22 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O falecemento de Jesús Trillo, no pasado mes de agosto, causou unha fonda conmoción na vila da Barca, máis dende a Asociación Muxía Turismo Rural tiñan claro que desexaban seguir cun proxecto de futuro do que Trillo foi unha parte esencial. Trala celebración dunha asemblea de socios e a reconstitución da directiva, Jesús Lema Caamaño, nado en Santa Comba (1968) e responsable do establecemento de turismo rural Casa de Lema, resultou elixido como novo presidente da entidade. Grandes retos lle agardan nos próximos meses.

-Nova directiva e moito traballo por diante lles espera.

-Pois si, aínda que estamos pendentes de comunicarlle estes cambios á Xunta para que se fagan oficiais. Cando Trillo faleceu reunímonos para ver que sucedería coa asociación e decidimos seguir adiante. Sería unha pena abandonalo, despois de varios anos xa traballando neste proxecto, e despois de ter conseguido cousas boas para o pobo.

-¿Algún plan a curto prazo?

-De momento iremos a primeiros de novembro a Londres. Alí levaremos o noso proxecto ornitolóxico, así como tamén presentaremos as posibilidades de turismo arqueolóxico e cultural, un apartado no que Moraime ten moito que ver.

-¿Qué obxectivos se fixan?

-Queremos involucrar a toda a hostalaría de Muxía, facer un proxecto global e vender a localidade como un destino global.

-Ourense son termas, as Rías Baixas son viño e sol... ¿Como lles gustaría que se definise o turismo en Muxía?

-Todo o contrario. Un turismo de natureza, relax e calidade, sobre todo, tanto a nivel gastronómico como de aloxamento. Esta zona é única, inigualable. Isto é moi diferente ao resto da oferta.

-¿Qué papel xoga o peregrino?

-Moi importante. O Camiño ha de venderse en conxunto, non só a nivel Muxía, xa que o peregrino que vén de Santiago faino completo. O Camiño é a galiña dos ovos de ouro para Fisterra e Muxía. Todos vivimos del, dunha maneira ou doutra. Hai que concienciar moito aos hosteleiros e empresarios do Camiño que a idea non é só recadar e facer caixa, máis que nada porque o camiñante non é o perfil de turista que gaste moito diñeiro. Os peregrinos ven que este tramo é demasiado turístico.

-Falou das fortalezas de Muxía como enclave turístico. ¿Cales diría que son as súas debilidades?

-Primeiramente o que hai que mudar é a unión dos hosteleiros. A xente tense que concienciar que, indo cada un polo seu lado, non se chega a ningunha parte. Hai que involucrarse, xuntarse e tratar de potenciar isto de maneira conxunta. Se vamos cada un por libre, así non faremos comarca, nin faremos tampouco Camiño. O principal: moita atención ao cliente e ofrecer calidade. Aínda así, Muxía creo que non é dos peores lugares no que respecta a atención ao peregrino.

-O peregrino adoita chegar moi informado, e moi condicionado polas críticas, tamén.

-Eles teñen os seus propios foros e todos chegan coas opinións e recomendacións que deron outros peregrinos previamente. Están moi documentados.

-¿Como foi a tempada?

-Moi ben setembro e outubro. Fallounos un pouco o comezo da tempada, xuño (que sempre era un bo mes, sobre todo no referente ao Camiño) e a primeira quincena de xullo, supoño que sería polo tempo. Pero finalmente complementouse moi ben con estes últimos meses, porque o clima está sendo moi ben. Esta pasada fin de semana, por exemplo, nós tivemos cheo. E agosto estivo a tope en todos os lados.