«Galicia reúne as condicións para estar entre as 5 maiores produtoras de leite»

O que foi xefe de compras de Leche Celta durante anos, José González Vila, confía na proximidade de «bos tempos» para o sector e na profesionalidade dos mozos


Carballo / La voz

Volve ás ondas de Radio Voz Bergantiños a sección semanal Voces do Agro despois do parón estival e de «polo menos dez ou doce tempadas» en emisión, segundo recollía esta semana Luis García, director da EFA Fonteboa. «É un sector tan dinámico que sempre hai actualidade que tratar», engadía antes de presentar a un dos protagonistas desta semana: José González Vila. Xefe de Compras durante moitos anos da compañía Leche Celta, foi homenaxeado a semana pasada en Santa Comba por mor da súa próxima xubilación.

-Bonito recoñecemento despois de tantos anos de carreira.

-Para min foi unha gran sorpresa que se me recoñecese dese xeito o meu traballo, aínda que eu creo que é estendible a todo o equipo de campo que ten nestes momentos Leche Celta. Así o dixen publicamente durante o acto: quero compartir este recoñecemento coa miña xente.

-Leche Celta, que nestes momentos pertence ao grupo Lactogal, está entre as punteiras de Galicia.

-Pois si, o volume de recollida nestes momentos é importante, estamos entre as tres primeiras industrias na comunidade.

-Xa que fala do ránking, ¿Como está nestes momentos?

-Pois a primeira potencia é Lactalis [President] e despois estaría Capsa [Central Lechera Asturiana], cos que nos estamos codeando, cunha pequena diferenza.

-¿Canto tempo levan por Galicia?

-Leva moito, porque naceu, creo recordar, hai 28 ou 29 anos baixo o nome Lagasa. Despois, claro, pasa por certos cambios, xa que máis tarde é adquirida polos americanos e dende hai 12 anos pertence ao grupo Lactogal [cooperativo líder en Portugal].

-Teñen unha recollida bastante importante nas comarcas do Xallas e de Bergantiños.

-Eu sempre apostei polo crecemento en zonas como Mazaricos, Santa Comba, Negreira, Coristanco ou Muxía e, se nestes momentos non o é, creo que nun futuro será a columna vertebral da recollida de Leche Celta cando deixemos a planta que temos nestes momentos en Meira e pasemos á de Pontedeume.

-¿Qué sucederá despois?

-A planta será vendida a outro grupo, Covap [Cooperativa Ganadera del Valle de los Pedroches] e farase efectiva o día 2 de xaneiro do próximo ano. A partir dese momento centraremos a nosa actividade en Pontedeume.

-Toda unha vida por e para o leite.

-Pois levo 40 anos, e creo que quedan aínda outros tantos de traballo para os que veñan detrás de min. Comecei nunha pequena queixería en Esteirón chamada Celega -Galvisa, naquel momento- na que curiosamente aprendín a miña primeira lección neste traballo: non se trata só de comprar e producir, tamén hai que saber comercializar e cobrar polo teu produto. Estiven 17 anos noutra empresa e despois entrei a Leche Celta.

Sempre cunha relación moi próxima co campo, pero vivindo experiencias como foron a implantación e compravenda de cotas ou a implantación do Ligal [Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite]. Penso que ese foi o momento no que as dúas partes comezamos a ter unha relación máis próxima.

-As cotas, ben polémicas...

-Puxéronas nun momento inadecuado: houbo unha verdadeira turbulencia e un tráfico de millóns e millóns de pesetas pola compravenda de cotas.

-Pese a que se reduciron moitísimo o número de explotacións, producimos case o dobre de leite.

-Efectivamente, case o dobre. Polo 85 había datos que falaban de 1.600 millóns de libros, e no 2017 falouse de 2.600. Estando agora Galicia polo noveno posto nas rexións produtoras de Europa, o meu desexo é que chegue a estar entre as cinco primeiras. Reúne as condicións, hai grandísimos profesionais e ten unha gran cultura gandeira e leiteira. Dende aquí quero dicirlle aos gandeiros de futuro que se sintan orgullosos. Penso que veñen bos tempos para este oficio. Confío moito no futuro e na xente nova.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Galicia reúne as condicións para estar entre as 5 maiores produtoras de leite»