O remate de nove días polo norte de Italia, inspiración literaria e un universo de arte

Xosé Ameixeiras
a. lavandeira CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

A. LAVANDEIRA

A subida á Sacra de San Michele, suposto escenario da novela de Eco, foi como unha cerimonia

29 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No Museo galorromano, o deus Mercurio preséntase como o guía dos viaxeiros, coas súas sandalias aladas para chegar veloz aos lugares. Ese podía ser o gran símbolo do Seminario de Estudos Comarcais Costa da Morte (SEMESCOM), que en nove días realizou un percorrido cultural polo norte de Italia, os cuarteis xerais da industria automobilística deste espazo alpino, o xerme da unificación do país, lugares de inspiración literaria, escenarios históricos e, sobre todo, un universo de arte case inabarcable, ao que había que engadir achegas constantes nas máis variadas materias na aula móbil da entidade.

En Turín, que chegou a ser capital italiana entre os anos 1861 e 1865, os viaxeiros do SEMESCOM interesáronse pola Saba Santa, a muralla romana ou a Mole Antonelliana, un dos símbolos da cidade, hoxe museo do cinema. Logo continuaron as paisaxes alpinas para as que un non cansa de mirar. Picos, algúns con neve aínda, sobre os que se pousan as nubes, con pequenos pobos de casas brancas que descansan nas súas costas. A subida á Sacra de San Michele, suposto escenario da novela O nome da Rosa, de Umberto Eco, foi como unha cerimonia. O vello mosteiro vese como unha coroa dun monte cuberto por un manto verde.

Logo, no autobús, Pablo Sanmartín, arqueólogo e secretario de A Rula, explicou a significado da iconografía de pórticos, capiteis, frescos e a simboloxía que se repite nas construcións románicas, como o home verde, que tamén se pode ver en Moraime (Muxía).

Sanmartín tamén sinalou os nove taboleiros de xogos medievais no claustro próximo á catedral de Verona, similares aos 160 que A Rula contabilizou en Santiago ou ós da Catedral de Ourense.

Houbo ocasión tamén de subir a Monte Cenis, a máis de 2.000 metros, o suposto paso de Aníbal Barca, cos seus 38 elefantes, cara o seu intento de conquistar Roma ala polo século III antes de Cristo. Unha paisaxe alpina adornada por un lago e un xardín botánico que logo Manuel Chouza se encargou de explicar, así como a presenza da víboras de montaña, algunhas comúns a espazos galegos. O carballés Antón Losada prodigouse nas explicacións botánicas e xeolóxicas. Tamén o paso polas proximidades dos Volcáns de Auvernia deu lugar a explicacións amplas. E non faltou tampouco unha incursión por paraxes agrícolas da Francia profunda, como a ruta do queixos. Incluso houbo unha selección de cine italiano, da man de Manolo Ferreiro, entre explicación e explicación.

Xa no retorno houbo paradas en Lión e Burdeos, onde se produciu unha especie de despedida, na que Rosa García Vilariño, fixo unha glosa das vivencias, que cualificou como «viaxe de saberes», que, nesta ocasión, se inundou de poesía.

Foi Mariña Gándara, a máis nova da expedición, tamén a encargada de pór o peche. Dixo sentirse entre mozos de diferentes idades e houbo loas para os organizadores, Xosé María Lema, presidente do SEMESCOM e Chus Barbeira, secretaria. E logo, paseo nocturno polas beiras do Garona adornado polas luces brillando na auga.