Gayoso: «Probei carne de crocodilo, formigas, alacráns... Pero nada supera ó percebe»

«Non serei como as pedras da Barca, pero levo moitos anos indo por Muxía», di Xosé Ramón Gayoso, que non se perde ningún ano a romaría da Virxe da Barca


Carballo / La Voz

Xosé Ramón Gayoso -Jayoso, para moitos espectadores- é probablemente un dos rostros máis recoñecibles da televisión galega. Confesa ser un namorado de Muxía, vila coa que garda unha fonda vinculación familiar. A Barca, di o propio Gayoso, é unha cita fixa no calendario.

-Xa será un máis en Muxía.

-Non serie como as pedras da Barca [ri], pero levo xa moitos anos indo por aí. Máis de trinta.

-¿Que ten para enfeitizar?

-Indubidablemente toda a Costa da Morte ten unha maxia moi especial que contaxia a todo aquel que a visita. Esas xentes fortes, bravas e valerosas que arriscan todo. Teñen unha forza moi especial, e aínda que din que a xente do mar é máis distante, unha vez que entras no seu círculo contáxiante desa enerxía.

-¿Recorda o que pensou cando soubo do incendio no santuario?

-Os símbolos son importantísimos para calquera comunidade. Cando rachou a pedra eu creo que xa o acabaron por aceptar, porque ao final o mar traballa ao seu antollo. Pero o día do santuario... Ese é o símbolo de Muxía, para a xente de fe, e tamén para quen non ten fe: Deus non existirá, pero a Virxe da Barca que nin lla toquen [ri]. Para os que non somos de alí, quedabas mirando cara aquelas imaxes na televisión...

-Non foi Muxía unha vila moi afortunada nestes últimos anos.

-Ao mellor é o pago, a peaxe, que teñen que pagar por estar nunha das vilas mariñeiras máis espectaculares que poden existir.

-¿Aínda o paran pola rúa?

-Indo un día normal eu creo que xa son un máis alí -con todo o respecto, e se eles me acollen como tal [ri]-, pero o día da romaría xa é outra cousa. Sempre hai xente que se para a saudar, e non te creas, venme ben porque o comezo do Luar adoita coincidir arredor da fin de semana da festa e así aproveito para ir anunciando a nosa volta ás pantallas.

-Sempre di que non é moito de praia. ¿Que son, entón, unhas boas vacacións para vostede?

-Non traballar [ri]. Eu reduzo todo a non pensar nesa rutina do día a día, despois tanto me ten a praia, o campo, a montaña... Calquera sitio, aínda que hai xa anos que cheguei á conclusión de que a mellor terra para descansar é esta, para ter esas vacacións das que eu falo, para non traballar.

-¿Segue practicando deporte?

-Si, por suposto. É un hábito que segue comigo dende moi noviño, cando comecei a practicalo. Despois veu a etapa máis esixente na universidade e reducín o tema da competición, pero non cheguei a deixalo. Aínda que só sexa unha carreira polo monte, así pachanguera. Fun sempre moi constante e sigo facéndoo, aínda que a idade xa se empeza a notar... Unha cadeira que che avisa... En fin, os anos, que pasan. ¡Xa son 62, eh!

-Dirá mellor que aínda son 62...

-O que sucede é que sempre que practicamos deporte pensamos: «Home, pero se eu sempre fun capaz de facer isto». Si, facíalo cando aínda tiñas 20, 30, 40 anos. ¡Pero tes 62, chaval!

-¿E que tal na cociña? ¿É máis de preparar ou de degustar?

-¡De degustar! Son un gran amante da gastronomía galega, pero tamén da internacional. Son deses valentes que pregunta: «¿Aquí que se come?» Eu probo de todo, para adiante.

-¿Que foi o máis exótico que chegou a probar?

-Formigas, alacráns... Bicherías desas, todas. O que pasa que a min sábeme todo igual [ri]. Cocodrilo, canguro... Pero desde logo nada supera aínda ao percebe.

-¿E que hai dos doces?

-Ai, eu son moi doceiro. É curioso, porque pese a ser neto de confiteiro nunca fun un rapaz que abusase moito dos doces, non lembro andar todo o día lambereteando. ¡Debía ser o máis envexado do colexio, iso si!

«Temos imaxes de Cristina Pato tocando coa Real Banda de Gaitas de Ourense»

Xa superadas as bodas de prata, en setembro volve ás televisións galegas o programa máis lonxevo da televisión española.

-Tempada número 27, nin máis nin menos, a que comezará no vindeiro mes de setembro. ¿Non lle dá algo de vertixe?

-Si, o que pasa que é unha desas travesías nas que un embarca sen saber canto durará. Lembro que ao chegar o verán, despois do primeiro ano, o director me dixera daquela: «Oe, eu creo que Luar aínda ten outra tempada máis». E nós dixemos, tamén moi galegos: «Home, para outra aínda dará». E aquí estamos. ¡Mira ti que tres profetas! [ri]

-Tradición e humor foron sempre dous piares fundamentais.

-Pois fíxate, no primeiro ano veu un grupo de Vigo que se chamaba Matocongrio. Alí estaba un rapaz chamado Anxo Pintos e outro rapaz que se chamaba Carlos Núñez [ri]. Non existían aínda como artistas individuais. De alí a uns anos Matocongrio desaparece e nace Berrogüeto por un lado e polo outro o gran Carlos Núñez. No Luar vimos tamén medrar a Susana Seivane, Budiño... Temos imaxes de Cristina Pato tocando na Banda de Gaitas de Ourense, figúrate. Presenciamos un cachiño importante da música popular galega nestes anos. As orquestras gozan nestes momentos dun momento bastante bo, pero cando comezamos atravesaban unha situación moi delicada. Tamén fomos testemuñas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

Gayoso: «Probei carne de crocodilo, formigas, alacráns... Pero nada supera ó percebe»