Xa temos PBA

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

MUXÍA

03 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Xunta de Galicia acaba de aprobar o Plan Básico Autonómico (PBA) que vén sendo un plan de plans, un plan urbanístico que comprende aos 313 concellos galegos, nos que en 215 deles é o único plan urbanístico válido, e nos 98 restantes é de aplicación complementaria.

Tiveron que pasar 62 anos dende que se aprobou a primeira ordenación da era contemporánea, e levamos seis decenios desordenando o territorio. Xa non hai escusa agora para dicir que quedan lagoas sen regular, porque todo o que non estea nos plans ou normas municipais está no PBA. Con erros, sen dúbida, porque foi redactado con bastante celeridade e, moitas veces, sen a información completa -en materia de patrimonio cultural, por exemplo-, pero había que facelo.

Era necesario ter un mapa urbanístico que comprendese dende Muxía ata Verín, dende Ribadeo ata A Guarda, unha guía que -na miña opinión- debería ser flexible e adaptarse tanto a cambios relevantes do pobo galego como a erros que se detecten.

Houbo un período de alegacións, como en calquera plan, pero son moitos concellos e moitas parroquias que revisar, e moita xente non tivo coñecemento del. En teoría, xa non haberá barbaridades urbanísticas porque está (case) todo regulado. Tamén queda atrás esa pelexa entre cidadáns e alcaldes para recualificacións, porque calquera plan que se aprobe terá que concordar co PBA; non hai lugar para a enxeñaría urbanística local.

Con todo, os plans que estaban ao día deberían axustar os seus parámetros ao PBA e os plans en tramitación teñen que cumprir o que alí se indica. Do contrario, a Xunta non os vai aprobar.