Diego Castiñeira: «O máis importante é que o percorrido se fará á inversa»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

J. M. F.

A pedestre de Muxía, que se disputará este domingo, pechou onte inscricións con máis de 760 deportistas

12 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Diego Castiñeira Romero (Cee, 1972) leva case 20 anos como técnico de Deportes do Concello de Muxía. É licenciado en Ciencias da Educación Física e do Deporte e tamén un habitual nas carreiras do Circuíto Correndo pola Costa da Morte, aínda que este ano só puido asistir á primeira de Camariñas, pois despois sufriu unha lesión nas costas. Este domingo ten un gran labor por diante: a organización da pedestre de Muxía. Onte revelou todos os datos da cita.

-Máis de 760 inscritos. Récord histórico.

-Sorprendeume, a verdade, pois era un pouco escéptico ó feito de ir ascendendo en participación durante 5 anos seguidos. É algo moi positivo para todo o mundo: concello, deporte e turismo.

-¿Sábese de onde son os inscritos?

-A maioría son de municipios de fóra; isto é, dos que non son organizadores do circuíto. É algo que pasa en todas as carreiras. Sobre o 60 % pertencen a este grupo; un dato que hai que é curioso de cara á promoción do turismo por medio do deporte.

-¿Que puido pasar este ano para que a participación aumentase?

-Basicamente, que a cifra creceu en todo o circuíto; máis de 500, que é bastante, o que fai que o número ascenda en todas as pedestres. De feito, o luns rematou o prazo de confirmación de asistencia por parte destes deportistas, e foi moi elevada. Ou sexa que imos ter unha boa participación.

-¿Sábese xa a previsión meteorolóxica?

-En Muxía, por estas datas, adoita haber vento de nordés; e xusto na saída, é onde máis pega. Pero prevese un tempo estupendo para correr: con baixada do vento e unha temperatura agradable. De tódolos xeitos, a primeira proba xa arranca ás 10.30 horas por este tema. Porque en xullo sempre hai posibilidade de que haxa calor, e canto máis avance o día, peor aliado é. Sobre todo para a carreira estrela [a de 10 quilómetros], que é a máis esixente.

-¿Como é o percorrido?

-Combinamos zona urbana e zona de costa. Pero o máis importante deste ano é que se vai facer á inversa das dúas últimas edicións. Antes facíase unha ruta dende a explanada do peirao dirección a Berdoias, á saída de Muxía, para despois xirar á dereita e ir cara o campo de fútbol e cara Lourido. Alí virabamos e iamos en dirección a Atalaia, que era o tramo máis complicado por unha subida que había. E chegabamos ó paseo da Barca para baixalo e regresar ó porto. Pero este ano faise o mesmo circuíto, pero ó revés. Deste modo, saímos do porto, dirixímonos á Barca, e a partir de aí, unha subida de 50 metros. Esperamos que este cambio a faga máis rápida, pois foi o motivo polo que se fixo.

-¿Que repercusión ten esta xornada en Muxía?

-Todas as carreiras conlevan cortes curtos nas estradas que molestan un pouco, pero despois tamén enches o pobo de xente. E non só durante o tempo da carreira, senón durante todo o día. Aproveitan para comer aquí e para visitar lugares. É un aliciente moi importante para favorecer o turismo.

-¿Está todo listo xa para o gran día?

-Todo o pescado está vendido. Só falta o traballo do día en si, que non é pouco.