«Houbo unha crítica moi frívola, en España e fóra, co Picasso coruñés»

Dolores Vázquez A CORUÑA / LA VOZ

MUXÍA

Xesús Búa

O investigador de orixe muxiá, Antón Castro, sostén que o paso do autor pola Coruña se reflectiu na súa obra

05 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O historiador de arte, crítico e profesor Antón Castro (Muxía, 1953) presenta hoxe, ás 20.00 horas no Museo de Arte Contemporáneo da Coruña, The early Picasso (1891-1895). A portrait by a young artist, unha obra encargada polo anticuario arxentino Jaime Eguiguren e que se subministrará traducida aos asistentes.

-¿Non pode parecer interesada esa defensa da importancia do Picasso coruñés?

-Considérome unha persoa seria e tiña reticencias sobre o Picasso coruñés, porque era un rapaz, pero Richardson e Anne Baldassari, os dous investigadores vivos máis importantes do autor, consideran que é imprescindible esa etapa. Tamén Josep Palau i Fabre, un dos mellores biógrafos do Picasso neno. E na Coruña hai dous investigadores extraordinarios, Rubén Ventureira e Elena Pardo, que fixeron un traballo inmellorable en termos documentais. Baldassari di que mentres non se coñeza e argumente ese Picasso da Coruña, e Picasso pensábao así, é moi difícil coñecelo. Michel Melot, outro investigador, sostén que a xénese picassiana está nos primeiros debuxos da Coruña, e o crítico John Berguer, que o coñeceu, dicía que Picasso tiña entre os 11 e 13 anos unha autoestima fóra do común. Penso que houbo unha crítica absolutamente frívola en España, e fóra, que non considerou esa etapa. Son galego e podo ter un interese identitario, pero non Palau i Fabre, Richarson e Baldassari, que o defenden. Richardson di que Picasso morreu pensando que os retratos que fixo na Coruña nunca os superou e para el tiñan máis importancia que os das épocas máis caras.

-¿Xuventude ou mestría?

-É evidente que non creo que superase a Ovidio Murguía, Joaquín Vaamonde ou Jenaro Carrero, da Xeración Doente, dos que con seguridade viu a exposición na rúa Real, non creo que superase a capacidade técnica deles, pero en debuxo non estaba por debaixo e é moito máis radical. Ou era un visionario ou entendeu do que falou co seu mestre Isidoro Brocos, que estivera en París, dos inicios do impresionismo. Rachou a estrutura académica que estaba recibindo e resulta a veces un pintor xestual nunha Galicia que tiña artistas interesantes.

-¿Despois da reivindicación coruñesa, na época de Negreira, temos a xusta medida do que foi esa etapa?

-Teño que valorar o labor de Negreira, aínda que estea nas antípodas do seu partido, porque foi extraordinaria. Gustaríame que o Concello actual valorase máis esa conciencia que se iniciou, pero non se está facendo. Eu valoro moito a Casa Picasso e a xente que está traballando, pero a loita pasaba por conseguir que no futuro houbese unha representación do Picasso coruñés na Coruña tratando de conseguir a través da familia, que posúe máis de medio cento de obras desa época, un préstamo temporal como fixo Málaga. Que se exhibisen con carácter permanente na Coruña, serviría para crear a referencia real do primeiro Picasso, para min é a materia pendente que ten a museoloxía de Picasso no mundo. Nada mellor que exhibilas no seu contexto, territorio e cultura.