Traballo a facer conxuntamente

Ada González A VOZ DA EXPERTA

MUXÍA

16 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

turismo é unha palabra que soa con forza e á que todos se queren sumar. O futuro, senón xa o presente, depende deste sector na Costa da Morte e aínda queda moito por facer, aínda lle faltan sinais e directrices por marcar. Unha boa nova é que cada vez son máis os que apostan por este sector, por formárense, por crear empresas, e que apostan por profesionais cualificados; porque este é o futuro, o noso futuro.

Aínda queda moito traballo por diante, un traballo que é necesario facer conxuntamente entre os diversos axentes no xeodestino Costa da Morte. Temos que crernos que non hai ninguén mellor que nós para valorar o que temos e para vendernos, pero témonolo que crer, temos que ir todos xuntos baixo unha mesma marca, baixo o paraugas da Costa da Morte. O refrán di que pasiño a pasiño faise o camiño, pois iso é o que temos que facer.

Boas propostas son as que están a xurdir na zona, que se abran oficinas de turismo sobre o Camiño de Santiago na capital é algo que se viña demandando e que era necesario posto que é de onde parte o noso camiño, o Camiño a Fisterra-Muxía.

Se ben o ideal sería que houbese unha que aglutinase a todos os compoñentes do noso camiño, para non ofrecer unha imaxe difusa, a cuestión é estar. Pouco a pouco o turismo na Costa da Morte vai avanzando, pero debe atallar de raíz certas cuestións como a de ofrecer servizos ao visitante ao longo de todo o ano, non só en tempada estival, porque o noso non é o turismo de sol e praia. Vaia, que praia si temos, pero o sol non é que nos visite de máis...

Ada González é tecnico de Turismo no Concello de Dumbría.