«Nunca estivemos tan arriba e quedar segundos non nos vale»

O adestrador do Baíñas, Sergio Salgueiros, confía en ser infranqueables e facerse co título da Liga da Costa


Carballo / La Voz

Quedan cinco xornadas para que remate a competición en Segunda Autonómica, no Grupo da Costa, incluída a que se disputará hoxe. E calquera dos equipos que ocupan a zona alta da táboa (o Esteirana, o Mazaricos, o Baíñas e, con menor puntuación, o Corme) pode proclamarse campión, o que é sinónimo de ascenso directo de categoría. Pero entre eles hai un que destaca pola traxectoria que realizou ó longo da tempada, de menos a máis: o cadro soneirán de Sergio Salgueiros (Muxía, 1986).

-¿Cando se puxo vostede á fronte do equipo?

-Na sétima xornada e de forma imprevista, pois trala saída de Francisco Oreiro, a directiva estaba buscando un novo adestrador e, mentres, eu, que antes exercía como delegado e, anos atrás fun xogador, pois asumín a tarefa. E gañamos un partido, gañamos outro, eles seguían buscando, ata que, despois de varias goleadas seguidas, xa decidiron que quedara eu.

-¿Que fallos detectou e que cambios fixo ó respecto?

-Moitas cousas. Por exemplo, co anterior técnico xogaban moito a balóns largos e eu preferín a curtos. Tamén antes había xogadores que non saían ó terreo de xogo e eu empecei a contar con eles.

-A súa entrada foi triunfal, pois o equipo só caeu catro veces dende aquela. ¿Cal foi a crave?

-Facer que gozaran, darlle balón, adaptarme nos horarios de adestramento... O que vén sendo baixar un pouquiño os pantalóns. Pero, en xeral, adaptarme eu a eles e eles a min, e así todos contentos.

-Pero parte do éxito tamén recaeu en Pablo Muíño, o actual pichichi con 24 tantos nas súas botas, ¿non?

-O que marca os goles é sempre o que máis se comenta, pero o éxito é de todos, porque para que os balóns cheguen a el tamén hai que facer un bo traballo dende atrás. Cristian Mayor, por exemplo, destaca no medio do campo; Cristian Canosa, na visión do xogo; o capitán Esteban, nas ganas que lle pon e, Javi Souto, nos balóns por alto sobre Pablo. Pero, en xeral, é un equipo moi bo.

-Pese a ilo, no último encontro fronte ó Monte Louro encaixaron gol moi cedo e non foron capaces de remontar. ¿Que pasou para acabar con ese 0 a 1 no marcador?

-Foi un partido malo dende o principio, cun cúmulo de fallos pola nosa parte. De feito, o gol deles chegou no minuto cinco, ós defensas facer un pase atrás que o porteiro non chegou a coller e o rival si. E cando quixemos reaccionar, eles xa estaban á defensiva.

«Penso que os rivais tamén van esvarar nalgún partido, polo que vai estar a cousa moi axustada»

-Quedan só cinco xornadas de competición. ¿Vense campións da liga?

-Oxalá que si e iso espero. Pero a pasada xornada era crave e, ao perder, agora temos dous por diante e xa non dependemos de nós mesmos. Pero bueno, que eu con perder un dos últimos partidos xa contaba e penso que eles tamén van esvarar nalgún [de feito, o Mazaricos fíxoo o pasado xoves ante o Malpica], polo que vai estar a cousa moi axustada.

-Sería a primeira liga da Costa que gañan.

-Si, pois ascendemos hai só uns anos e nunca estivemos tan arriba. O obxectivo a comezos de tempada era non pasar os apuros do ano pasado, que fomos colistas durante unha volta, tendo que pelexar ata o último momento. E quedar segundos non nos vale.

-¿Como ve aos rivais que teñen o mesmo obxectivo que o Baíñas?

-O Esteirana foi durante toda a campaña un dos equipos que máis me gustou pois, pese a que lle gañamos os dous partidos por goleada, é dos máis compactados. E o Mazaricos, pois é un conxunto veterano que sabe moi ben o que fai. Quizais iso é o que nos falta a nós, a experiencia, pois aínda que sacando a dous ou tres que son de fóra, o resto pertencen ó Concello de Vimianzo, algúns non formaron parte do equipo ata este ano.

-¿Serán infranqueables ante o Coristanco, Cerqueda, Cee, Corme e Outes?

-Son todos difíciles, pois ninguén quere baixar de categoría e van competir ata o final, con máis ganas se cabe. Pero eu conto con non volver caer.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Nunca estivemos tan arriba e quedar segundos non nos vale»