«A miña idea, agora, é apostar por un proxecto persoal, meu»

La Voz

MUXÍA

Fernando Barroso ofrecerá esta tarde un concerto en Muxía: acompañarao Margarida Mariño

06 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Músico e compositor, Fernando Barroso (Ferrol, 1979) estará hoxe en Muxía. Dará un concerto na Casa de Trillo (20.15 horas), mais non estará só, senón que irá con Margarida Mariño. A guitarra, o bouzouki irlandés ou o banjo son instrumentos que el coñece ben, pero co que chegará á vila da Barca será coa mandolina. A Costa da Morte non é nova para el, un «asiduo» á Carballeira de Zas, onde ten tocado cos Cempés, con Budiño, con Riobó e con Coanhadeira. De feito, agarda poder ir algún día ao festival co seu propio novo traballo. Barroso estivo recentemente no Festival de Lorient con TRIM, trío do que forma parte: «Xente de todos os países, moito público, moi boa aceptación...». Vén, pois, coas pilas cargadas. Para hoxe hai aforo limitado, polo que se pode solicitar invitación.

-¿Que se poderá ver no concerto que ten previsto en Muxía?

-Estamos preparando un repertorio novo, e de feito imos presentalo agora en setembro. Comezamos con este concerto. O formato é un dúo onde eu toco a mandolina e unha rapaza de Vigo, Margarida Mariño, o violonchelo. Levo preparando este repertorio uns meses, despois de que o ano pasado lanzase o meu primeiro disco en solitario, Intropía, logo de moitos anos de traballar con outros artistas e con outras bandas e proxectos. Este ano apetecíame montar un repertorio xa máis centrado no directo. É completamente orixinal, todo composicións miñas, aínda que sempre está a clara influencia das músicas populares da nosa terra, e tamén collín algunhas referencias de fóra, de músicas do leste, África ou Asia incluso, e tamén de América. Referencias de grandes instrumentistas. Para logo arranxar e adaptar o repertorio falei con esta violonchelista, porque me parecía que a sonoridade das cordas da mandolina co violonchelo empastaba moi ben. Así, nos últimos meses estivémolo arranxando, para presentalo agora no mes de setembro en directo. Iso levaranos despois a preparar a gravación do disco con este formato: sería o meu segundo, para presentar de cara a finais de inverno, principios de primavera. Intropía foi máis un traballo de estudo, no que eu experimentei e convidei a artistas e amigos, pero ese traballo nunca se puido plasmar no directo, por cuestións técnicas. A idea é presentar agora este novo repertorio en formato dúo e xa no futuro se verá se crear unha banda ou un formato maior. Levaramos dar unha voltiña por Galicia esta semana -despois de Muxía virán os concertos de A Coruña e Vigo- e, logo, sairemos ao festival de mandolinas de Madeira.

-¿E ese paso de tocar en grupos a facer un proxecto máis persoal?

-Digamos que puxen un punto de inflexión, quixen marcalo. Os últimos 5 ou 6 anos foron moi frenéticos: toquei cos Cempés, fun un dos membros fundadores de Riobó, colaborei con Budiño, Xabier Díaz, Xulio Pereira... Son grandes artistas cos que fun aprendendo, pero creo que moitos músicos temos a necesidade de facer un proxecto noso. Esa é agora a miña idea, apostar por un proxecto persoal, meu, por máis que colaborar con outros artistas sexa moi interesante. Non se pechan portas. Dalgún xeito, para min é como volver comezar. Por un lado, está esa ilusión e, por outro, está o de ver que pasa, ver o que se palpa.