«Se a patria do home é a súa nenez como se di, a miña é dende logo Muxía»

Juan Ventura Lado Alvela
J. v. lado CEE / LA VOZ

MUXÍA

XESÚS BÚA

O docente, muxián, aínda que nado na Coruña, é sobriño neto de López Abente, e un namorado da vila da Barca na que pasa estes días libres. Así fala Arturo Suárez Varela

13 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Arturo Suárez Varela (A Coruña, 1955); Arturito de Novás como o coñecen os máis vellos de Muxía e máis aqueles compañeiros cos que ten confianza, ten ensinado xeracións enteiras de farmacéuticos -entre elas a moitos profesionais da Costa da Morte- na Universidade de Santiago de Compostela. Pero no verán, e incluso outras veces durante o ano, sempre cambia a capital de Galicia por Muxía, que nunca deixou de ser o seu pobo aínda que non nacese nel.

-¿Que influencia tivo López Abente na súa vida e na doutros parentes que tamén desenvolveron traxectorias profesionais moi destacadas?

-Era tío-avó meu, irmán de miña avoa, pero nós non lle dábamos demasiada importancia. Para nós era o tío Gonzalo, un señor que paseaba por Muxía e cando iamos á súa casa -eu tiña 7 ou 8 anos cando morreu- saudábamolo, facíache algunha caricia. Xa tiña algo de demencia, comezaba a chochear como din aquí. Foi despois cando lle puxeron o Día das Letras Galegas, coa Fundación e con xente como Méndez Ferrín, cando descubrimos que era un home importante. No que coincide todo o mundo -nós eramos moi pequenos- é en sempre foi un home moi bo. A pesares de pertencer a unha familia con posibles, destacaba pola súa afabilidade e por falar con todo o mundo.

-¿De onde lle ven ese apego por Muxía?

-Moi doado. Meu pai era da Ponte do Porto. Con 9 anos mandáronme interno aos Salesianos e todos os veráns viña para Muxía. Meu avó materno tiña unha ferraxaría. Como aprobaba todo e non tiña que ir en setembro, o verán era a metade de xuño, xullo, agosto, setembro e ata o mes de outubro xa non tiñamos que volver.A terceira parte do ano. Se a patria do home é a súa nenez, como se di, a miña é Muxía: os partidos de fútbol na Camposa, as camiñadas pola praia cos compañeiros, que algúns xa morreron... Tiñamos casa aquí xa de antes, pero a miña muller, que é vasca, tamén é unha namorada de Muxía e compramos un piso

-¿Tivo alumnos de Muxía?

-Si, a actual farmacéutica e máis outra da Baiuca e máis que haberá por aí. Antes só había Farmacia en Santiago -bueno, ademais de en Salamanca- e viña xente de Asturias, de Santander... era un ambiente moi cosmopolita. Agora hai xente que vive na Coruña e vai e vén todos os días. O ambiente é outro, a xente sae moi tarde. Antes ías tomar as cuncas polo Franco e ás dúas de mañá xa era tardísimo. Agora xa atopas máis turistas que nativos. Como din os mozos «está petao».

-¿En que inviste o tempo durante o verán en Muxía?

-Teño dificultades para camiñar e a praia agora míroa máis ben dende arriba. Falas coa xente, recordas historias... como a da Laxiña. Ese era o noso bautismo de mar. Só para os homes, porque as mulleres case non ían á praia e alí contábanse chistes verdes... Digamos que non era un ambiente no que se sentisen cómodas. Para nós, cando saltabas de alí é que xa eras un home. Hai que ter en conta que na praia da Cruz coa marea chea case non queda praia, non hai area. Cando estaba baixa temos xogado ata partidos de fútbol, que organizaba don Eduardo Toba.

-¿Participa no Mercado das Rutas do Mar?

-Non sei se faltaría unha vez dende que o hai. Á xente de Muxía gústalle moito porque é un pouco como era a Barca de antes. Agora é unha festa como outra calquera, con moito botellón, algúns bares pechan... O que non liga na Barca, algo lle pasa [risas]. E no das Rutas do Mar cómese por fóra, que se polbo, que se non sei que. Aparte máis da metade dos postos son de xente de Muxía: mariñeiros... xente que lle gusta isto. Por iso que estou todos os anos e van xa once edicións, me parece.

Para cotillas

-¿Praia ou piscina? Praia.

-Un sitio para pasear O malecón, todo polo peirao dende a miña casa ata a praia da Cruz, aínda que faga vento.

-¿Terraza Chill out ou chiringuito de praia? Os bares de sempre: A de Álvaro, o Porto, o Quijote e o Noche y día que poñen moi boas tapas [risas]. É broma porque fai anos cando alguén lle pedía unha tapa, dicía: «Aquí as únicas tapas que hai son de lata ou de corcho» [más risas].

-¿Emprega as redes sociais? Nada. Teño WhatsApp e de vez en cando éntrolle no Facebook da muller, pero bérrame porque teño os dedos moi gordos e despois dime: «Le pediste amistad a fulano». Eu non pedín nada.

-¿Churrasco ou caldeirada? Caldeirada de pinto e maragota. A carne tamén me gusta: o raxo de porco, que aquí faise moito, ou a costela asada, que neste tempo en moitos bares poñen a grella na porta.

-¿O norte ou o sur para ir de viaxe? O norte: a zona de Foz, Viveiro... Asturias, Santander... ao País Vasco tamén vou moito, porque a miña muller é de alá, e o norte de Burgos tamén é unha zona moi bonita.

-¿Caña ou gintonic? Eu caña, cervexa e viño. O gintonic tomo así algunha vez de noite cando vou comer por aí, pero case que nunca, non son moito deles.

-¿Ten mascota? Uff, na casa temos moita historia con iso. Tiñamos, miña nai, unha cadela mestiza que xa era moi velliña e morreu con 16 anos. É moi bo ter can na casa, fai moita compañía, pero tamén a perda é como a dun ser querido. A miña filla que está en México rescatou unha que estaba abandonada e tena alí con ela. Tamén lle chama Jara, como a que morreu.