«Temos que reivindicar máis o valor do Camiño e darnos a respectar»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

MUXÍA

XESÚS BÚA

O investigador ve necesario un labor didáctico para facer consciente ao peregrino do lugar no que se atopa

30 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Singul Lorenzo (Vilagarcía, 1963), licenciado en Historia e doutor en Historia da Arte, é o xefe da Área de Cultura Xacobea e unha das persoas que máis sabe e máis leva publicado sobre o Camiño. Aproveitando a conferencia que acaba de dar en Muxía, reflexiona sobre a historia das peregrinación na Costa da Morte e tanto os valores como as ameazas ás que se expón esta riqueza cultural.

-¿Ata onde temos que ir para atrás no tempo para situar a Costa da Morte no mapa europeo das peregrinacións?

-Boa pregunta. Temos relatos de peregrinos dende o século XV, pero son fundamentalmente de xente ilustrada que comentaba, por exemplo, sobre a Barca. Hai que ter en conta que antes a xente non escribía moito e son, sobre todo, nobres ou mesmo guerreiros que viñan participar na Reconquista. Do vulgo non temos testemuñas. En cambio, atopámonos con que no ano 1119 o rei Alfonso VII fai unha doazón para pobres e peregrinos ao mosteiro de Moraime. El estivera alí de neno refuxiado polo conde de Traba que o levou para protexelo da guerra entre súa nai, Dona Urraca, e o seu padrasto, Alfonso I de Aragón, O Batallador. Así que se existe esa doazón e porque algo xa había. Normalmente os historiadores traballamos con este tipo de documentos porque son o que hai.

-¿Como era o choque cultural que se producía coa chegada de esta xente de fóra, con outra lingua, cultura...?

-Tampouco tanto, porque hai que ter en conta que as xentes destas terras estaban afeitas á navegación. Os galegos de Fisterra e Muxía coñecían estranxeiros. Ata Muxía chegaban barcos dende Venecia e sabémolo porque os coengos de Santiago mandaban xente alí a comprar teas para as vestimentas relixiosas: casullas... O San Marcos de Corcubión é unha talla feita no norte de Italia, así que ese contacto existía. O Atlántico sempre tivo moita importancia nisto porque xa dende a primeira Idade Media os piratas atacaban as costa de Galicia e do Cantábrico. Mesmo houbo incursións de almorávides [monxes soldado musulmáns].

-¿Que valores temos que destacar e preservar deste legado?

-Muxía, por exemplo, é un auténtico templo de pedra que vai moito máis alá da tradición cristián e que se remonta a milleiros de anos. E é un valor cultural que penso que temos que reivindicar máis e darnos a respectar. Son máis que pedras e non están aí para deitarse a durmir ou para facer unha cea enriba delas. Dígoo porque vin cousas que non me gustaron nada.

-¿Que medidas habería que adoptar entonces?

-Penso que fai falta un labor didáctico importante nos sitios principais, para que cando un peregrino chega a unha igrexa de Fisterra ou de Muxía teña previamente unha información, porque hai xente que xa ben moi formada, con moito coñecemento, pero tamén hai outra moita que non ten moita idea da historia e da cultura. É cousa dun pequeno traballo, penso que non moi custoso en forma de paneis ou algo así. Os concellos e a propia Xunta teñen traballo que facer neste sentido, más que nada para lembrar aos visitantes o respecto que hai que ter por este lugares e polo que significan.

-¿É o Camiño a principal conexión que ten a Costa da Morte con Europa?

-É un vinculo moi importante na construción cultural europea. O Camiño existe porque a tumba do Apóstolo está en Santiago, porque hai unha tradición da traslación do corpo e de evanxelización dos confíns de occidente, que é Galicia. Quizais está todo moi ligado a Padrón e demais, pero Muxía, coa aparición mariana, e Fisterra, que figura no libro terceiro do Calixtino como os discípulos de Santiago o Maior foron a visitar ao rei de Duio, a A Langosteira, están moi vinculadas a través das tradicións xacobeas.

-¿Ocorre o mesmo con Galicia?

-A figura de Diego de Xelmírez e a súa aproximación a Roma e aos monxes cluniacenses tivo moita importancia como fío condutor de Galicia con Europa. Esa relación vese dende as cantigas galegas medievais ata a arquitectura e o arte en xeral. É fundamental a cidade de Santiago e o Camiño, aínda que esta relación de formar parte dunha cultura europea vén dende moi antigo co megalitismo ou a Idade do Bronce. Formamos parte de unha identidade europea dende hai máis de 1.200 anos.

-¿Que queda por facer a nivel investigador e que xente hai traballando nestas materias?

-Hai moita xente traballando nisto, de aquí e de fóra investigando. Na nosa revista do Xacobeo Ad Limia, que vai polo número 8 e é unha publicación plurilingüe bastante prestixiosa, están participando moitos investigadores de moitas partes do mundo. Penso que na Idade Moderna, séculos XVI, XVII e XVIII, é onde queda máis campo para investigar, porque a Idade Media, aínda que sempre hai reinterpretacións, é o que temos máis estudiado, pero as crenzas mantéñense e no caso da Costa da Morte continúan a enriquecerse as tradicións. Non é unha cousa só medieval, tamén a Idade Contemporánea pode resultar moi fértil porque o Camiño vai parello á historia de Europa. Levamos 1.200 anos e seguimos construíndoa. Vemos que as peregrinación están moi vivas, con motivacións moi diversas. Sempre houbo curiosos e continuamente nos segue chegando información.

-¿Non proceso de delimitación do Camiño deben valer só os criterios históricos?

-Iso é algo que depende a Dirección Xeral de Patrimonio, que teñen os seus criterios e os seus equipos, con un grupo de asesores xacobeos no que hai xente moi importante. Non é que se xunten alí uns cantos profesionais e ala. Están moi ben asesorados. Para min o histórico é fundamental, pero tamén a tradición resulta moi importante e incluso as máis recentes. Se hai costume de ir a tal sitio ou facer tal cousa iso debe ter un valor.