«Quedei abraiada polo santuario»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

X. Búa

A interprete de fados ofrecerá o sábado un concerto na Barca, para recaudar fondos

02 may 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

María do Ceo (Porto, 1959) nunca antes cantara en Muxía, tampouco coñecía o santuario da Virxe da Barca, pero o sábado vai poder facer as dúas cousas, nun concerto destinado a recadar fondos para recuperar o templo, destruído por un lóstrego no día de Nadal do 2015.

-¿Que lle parece actuar nun marco como o da Barca?

-Encántame, xa o teño feito en basílicas, igrexas e catedrais e estou moi cómoda. É algo máxico poder actuar nun lugar tan bonito, tan antigo... Non tiña ido nunca, e fun hai un mes para ver o lugar do concerto. Quedei abraiada co santuario, é algo extraordinario, tan pretiño do mar. Foi como se collera osíxeno para unha boa tempada. Enchinme de cariño e harmonía, das xentes e do clima do lugar. Para min é unha honra cantar na Barca, despois de telo feito na catedral de Ourense ou na Sagrada Familia de Barcelona. Esta vai ser outra das actuacións que me van quedar de por vida.

-¿Ten previsto un repertorio especial?

-Hai ano e algo saquei o disco De Portugal a Galicia e vou cantar algunha das cancións, pero tamén o Alalá de Muxía a ritmo de fado corrido, cun estilo moi diferente. Tamén vou cantar poemas de Rosalía e Castelao e de Carlos Casares, do que xa teño letras baseadas na súa literatura. Tamén cantarei co coro de Muxía un par de cancións, o poema O mar enrola na area, baseado nuns versos de Manuel María, mesturados con música popular portuguesa, e Os teus ollos negros, cun ritmo das Azores. Eu vou con moita gana a Muxía, disposta a dar todo musicalmente.

-¿Que tal é a sonoridade?

-Moi boa. Porque souben a historia da catástrofe. Se non fora así nunca o imaxinaría porque agora está moi limpo e moi ben. O que pasa é que eu non o coñecía antes, polo que non podo saber o que se perdeu. A cuestión é ir pouco a pouco e que se vaia conseguindo a restauración dentro das posibilidades. A sonoridade é magnífica, é moi agarimoso o lugar. Pensaba que era moi grande e encontreime con algo máxico. Hai alí algunha cousa que te fai sentir tan ben... Eu nunca entrara, pero o outro día tiven a oportunidade de ver o entorno e poñerme na pedra de abalar.

-¿E abalou?

-(Ri) Non me atrevín, a ver se a ía partir. Desa zona aprecio moito á xente, eu actuara en Fisterra e tamén en Camariñas, pero quedábame Muxía.

-Esta lonxe de Ourense, onde vive vostede.

-Queda a dúas horas. Imos a sitios que están máis lonxe. Unha vez que deixas a autoestrada aínda queda unha horiña, pero faise moi ben.

-¿Ten plans para este verán?

-Encántame o albergue Bela Muxía, onde imos quedar, pero estou tan namorada do lugar que imos buscar unha casiña para pasar largas tempadas.

-Daquela si foi un amor a primeira vista.

-Eu escapo de zonas onde hai moita xente e das demasiado calurosas e tamén estou namorada do mar porque nacín en Porto. Ourense está a unha hora do mar, pero gustaríame, co tempo, ter unha casiña onde poda facer música e que me saian esas experiencias que un necesita cando preparas un traballo. Agora estou a piques de rematar un disco para nenos pequenos. Quero un lugar onde poder ter a cabeza máis liviana, libre de malos pensamentos e Muxía é un lugar tan lúdico... A verdade é que foi un namoramento a primeira vista porque é un lugar inspirador, é moi especial e alí teño grandes amigos e un deles é precisamente Manuel Martín, que é o organizador do concerto.