«Son unha auténtica romeira»

MUXÍA

JOSE MANUEL CASAL

Logo de 38 anos de relación con Muxía, xa se sente parte do pobo. Fiel á Barca, recoñece que ser pregoeira é toda unha honra

08 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Carmen Isabel Labrador (1955) é a presidenta dos oleiros de Buño. A maiores diso, poderá incorporar ao seu currículo de vida o ter sido pregoeira da Romaría da Virxe da Barca, unha distinción nada menor, dada que é unha das festas máis importantes da Costa da Morte. Será mañá, ás 21.00 horas, no Cabo da Vila. Carmen Isabel casou para Muxía, vila de onde foi súa sogra, onde ten casa e onde pasa todos os veráns e fins de semana, dende hai uns 38 anos, «media vida». Por tanto, como ela mesmo recoñece, case se sente xa muxiá. Unha semana antes da romaría xa anda pola localidade, onde ten amizades ao igual que na terra dos oleiros. Asegura que, na Barca, pasa todo o día «na rúa». Onte mesmo falaba dende alí.

-¿Que sente ao ser designada pregoeira da Barca de Muxía?

-A verdade, unha responsabilidade tremenda. Ao primeiro pensei en dicir que non, pero despois dixen eu: «Uf». O meu home díxome: «¿Como vas dicir que non, se é unha honra?». E bueno, como aquí a xente me aprecia, e eu aprecio á xente, e temos amigos, pois ao final aceptei. Estou nerviosa, estou. Díxomo Viki Rivadulla, coa que me levo moi ben, e xa falara co alcalde, con Félix, e si, adiante.

-¿Pode adiantar algo do que dirá no seu pregón de mañá?

-Pois falarei de como o levo pasado na Barca, das cousas que me sorprenderon e me seguen sorprendendo. Creo que ata mañá despois de comer non mirarei o que digo e o que lerei, porque quero estar tranquila [ri].

-¿Que é para vostede a Barca? ¿Como a vive? Dicía antes que pasaba os días na rúa...

-¿A Barca para min? Son una auténtica romeira. Teño as dúas vertentes, non sei como dicilo. Son muxiá, porque levo moitos anos aquí e considérome case muxiá, pero tamén son romeira, porque veño todos os anos. Veño a Muxía nas fins de semana, nas vacacións... pero é que ademais á Barca nunca fallei.

-¿Nunca?

-Non. Só fallei cando naceu a miña filla, e naceu un 5 de setembro. Como os romeiros, eu saio a tomar os viños e estamos na rúa de festa todo o día.

-¿E o de ir andando?

-Non, o meu de ser romeira é todo de festa [ri].

-É unha cita que atrae a moita xente de fóra da vila, pero que os muxiáns tamén agardan, unha data especial.

-Éo, porque hai moitísima xente, moita. Pode que estea indo un pouquiño a menos, como todas estas festas así, pero é unha festa especial. Aquí entra unha cantidade de xente tremenda. Despois, é unha celebración na que, dende que eu recordo, hai baile ata as nove da mañá, aguantando aí dos romeiros que viñan ata aquí. Son catro días de darlle duro.

-¿Cre que a viven tanto os rapaces novos, como os adultos, os que xa son maiores...?

-Aquí pásao ben todo o mundo. Ti vas ao santuario da Barca e aquilo está cheo de xente. Pola rúa tes un lote de atraccións para os nenos, hai moitos chiringuitos para mercar e, ademais, está toda esa xente polas calles que anda de festa. Veñen en pandillas, como se vai agora ás festas, coas camisetas todas iguais... Todo iso haino. Antes vías tamén a eses personaxes que coñecías había anos, pero que só os vías neses días, e que eran de sabe Deus onde. Ías vendo como chegaba a xente.

-As mulleres do mar son mulleres fortes. Tamén vostede o é, entrando nun mundo oleiro que viña sendo de homes.

-Si... Son cousas distintas, pero si pode parecer que haxa ese vínculo, que se poida parecer.

-¿Xa anda por Muxía?

-Pois si. Mira, cando o meu home traballaba, que agora xa está xubilado, cando tiña as vacacións tiñamolas sempre dende o 15 de agosto ata o 15 de setembro. Aquí, se es muxián, tes que estar de vacacións pola Barca, se non non vale. E agora, que xa non traballa, procuramos igualmente vir unha semana antes para Muxía. Estamos aquí, preparándonos. Estou na rúa, estou xa entrenando...