Un mozo baiés entusiasmado coas Irmandades da Fala

xosé maría lema

MUXÍA

<span lang= gl >Fotografía de catro dos nove irmáns baieses Romero Lema (Pepe, Perfecto, Germán e Paco). </span>
Fotografía de catro dos nove irmáns baieses Romero Lema (Pepe, Perfecto, Germán e Paco). arquivo de josé antonio martínez romero< / span>

Xosé Romero Lema mostra nas súas cartas a Manuel Antonio a súa implicación co galeguismo

18 may 2016 . Actualizado a las 08:44 h.

A Real Academia Galega celebra hoxe no teatro Rosalía de Castro da Coruña o centenario da primeira xuntanza das Irmandades de Amigos da Fala, convocada polo xornalista Antón Villar Ponte o 18 de maio de 1916 co obxectivo da defensa, exaltación e fomento da lingua galega en todos os ámbitos.

O 28 de maio de 1916 constituiríase a Irmandade de Santiago; en 1917 nacen as de Ferrol, Vigo e Mondoñedo; en 1918 as da Estrada, Vilagarcía, Ortigueira, Muxía e Lugo, e nos anos seguintes outras ata un total de 28. Nelas fóronse integrando persoeiros coma Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Castelao. Ademais de se comprometeren co idioma, tamén se declararon nacionalistas, por consideraren que Galicia reunía as características propias dunha nación.

Gonzalo López Abente estaba, sen dúbida, detrás da Irmandade de Muxía; fóra del non sabemos de ningún intelectual máis das comarca das Costa da Morte comprometido coas Irmandades, pero si dun mozo estudante en Santiago que acolleu a súa fundación con verdadeiro entusiasmo. Trátase de Xosé Romero Lema, nacido en Baio o 13 de xaneiro de 1901, un dos nove irmáns, entre homes e mulleres, desta familia, dos que foron os máis coñecidos o filólogo Francisco (1903-1972) e o arcebispo Maximino (1911-1996).

Amizade con Manuel Antonio

Pepe Romero fora compañeiro de estudos de bacharelato en Santiago do poeta rianxeiro Manuel Antonio Pérez Sánchez, aínda que quizais os dous xa se fixeran amigos en Baio, pois a nai do de Rianxo (dona Pura) fora mestra na veciña parroquia do Allo (Zas) ata 1916. Despois de remataren o bacharelato seguiron carteándose. Na recente obra do académico Xosé Luís Axeitos, Manuel Antonio. Obra completa. Epistolario (2015) transcríbense catro cartas enviadas a Baio polo rianxeiro e once remitidas polo baiés a Rianxo, todas escritas en galego.

Polo que se pode observar neste epistolario, Pepe Romero era un mozo amigo das festas, pero tamén preocupado pola política e a cultura: nas misivas manifesta ás claras a súa ideoloxía republicana e galeguista, e empeza a comprometerse coas incipientes Irmandades da Fala que se estaban creando. Mesmo semella que ía un paso por diante do rianxeiro, pois é el quen lle dá información e quen trata de atraelo ao novo e ilusionante movemento intelectual galeguista: na carta do 20 de xullo de 1918 dálle o enderezo na Coruña do periódico A Nosa Terra, voceiro das Irmandades, e noutra datada en novembro de 1919 relátalle polo miúdo a «xuntanza escolar nazonalista» que o 26 deste mes se fixera en Santiago, á que Romero asistira:

«Presidía o auto o concexal do Axuntamento señor Vázquez Enríquez, quen nos presentou o noso querido irmán Villar Ponte como representante d-a Irmandade da Cruña, co tipo d?Anarquista que se gasta o velo de lonxe xa metía respeto, (...). Falou despois Fray Salvador que estivo bastante ben (...); falou logo Pita Romero qu?estubo moi ben; e por derradeiro Vázquez Enríquez qu?o estropeou todo por falar en castelán disque non sabía falar o Gallego (que vergonza) diso alí unhas cantas cousas e levantouse a sesión co-as seguintes concrusión: 1ª Pedirlle o Goberno o creamento d?unha cátedra de Literatura e Lingua Gallega. 2ª. Pedirlle a Autonomía integral pra Galicia».

O baiés remata a epístola co lema «Coma en Irlanda érguete a anda». Semella que era máis botado para adiante politicamente que o rianxeiro, pois nunha carta anterior que lle enviara o 20 de xuño de 1918 remataba cun rotundo «Viv?a República. A for?a Aristocracia».

A enfermidade

Xosé e Manuel seguíronse carteando polo menos ata 1922. Despois só aparece no libro de Axeitos unha carta remitida desde Caldas de Reis o 24 de xullo de 1925. Quizais fose a derradeira. O baiés dille nela que estivera moi enfermo, cunha doenza «que os médicos chaman bronquites gripal», da que lle quedara unha afonía que non daba curado, e por iso fora tomar as augas caldesas. Pídelle que lle faga unha visita, que non sabemos se se chegou a realizar ou non.

A fatalidade quixo que os dous amigos, nados case a un tempo, a canda o século, morreran na flor da mocidade, antes de chegaren ós trinta anos (o de Baio aos 27 anos, na Serra do Guadarrama-Madrid, o 29 de setembro de 1927; o de Rianxo, aos 29 anos na súa vila natal: o 28 de xaneiro de 1930), e da mesma enfermidade, a tuberculose, truncándose así dúas grandes esperanzas para a cultura galega.