«Dános moita satisfacción ver á xente tan contenta»

V. Couto, Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

XESUS BUA

A vila da Barca agarda xuntar hoxe na vixésima Festa do Congro a máis dun milleiro de comensais

25 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Non só de fervor vive a Semana Santa da Costa da Morte. En Muxía, desde hai xa dous decenios, o congro é o rei do Venres Santo coa celebración dunha festa gastronómica que nos últimos anos reuniu a arredor dun milleiro de comensais. Hoxe, a partir da unha da tarde, o paseo marítimo volverase converter nun gran comedor onde degustar o congro en cinco preparacións diferentes, tal como explicou a tenente de alcalde da localidade, Purificación Lema Pose, nos micrófonos de Radio Voz Bergantiños.

-Vinte anos xa.

-Si, e esperemos que continúe moitos anos máis porque cada vez é maior, hai máis xente e máis entusiasmo por facela. Haberá degustación de congro en cinco preparacións distintas a partir da unha do mediodía no paseo marítimo: empanada de congro de millo e de trigo, congro en salpicón, ao forno e a prancha, ademais de pan e viño, así que a xente irá ben servida.

-E hai que ser puntuais porque normalmente voa.

-Así é, claro que voa. Esperamos que este ano tamén haxa moita xente, como nos últimos anos. De feito, o pasado quedámonos un pouco escasos, pero desta vez mercamos máis congro e haberá para todos e para que todo o mundo saia satisfeito de Muxía.

-¿Cantos quilos de congro prepararán este ano?

-Arredor de 900 ou 920 quilos, pero hai que ter en conta que o congro ten un desperdicio. Calculamos racións para unhas 1.200 persoas, que é moita xente, pero tamén é unha satisfacción moi grande ver nestas datas Muxía tan concorrido e a xente con alegría. Aquilo é unha festa moi grande e a nós danos moita satisfacción ver á xente tan contenta.

-¿Quen se encarga de preparar a festa?

-Hai un grupo de persoas contratadas polo concello que xa están desde o mércores limpando e adobando o congro e que se encargarán tamén de elaboralo. As empanadas serán preparadas en varias panaderías diferentes, porque son moitas as que se fan e Protección Civil organizará o tráfico e axudará e colaborará en todo.

-¿Como foi a evolución da celebración nestes anos?

-Pois cada vez con máis xente e tratando de que o congro sexa mellor. Cando se comeza non se sabe exactamente como é, pero ao levar xa uns anos foise evolucionando e sabendo cales son as mellores preparacións, canto tempo hai que adobalo... A maioría da xente repite de anos anteriores e xa son mestras do oficio.

-E o congro non é a única proposta de Muxía para estes días.

-Si, temos mostra de artesanía local, tanto en palillo como en pintura, e todo elaborado por xente que vive aquí no Concello. A Mostra do Encaixe de Camariñas é a que ten máis fama, pero en Muxía temos un encaixe marabilloso e xente que fai verdadeiras obras de arte, así que animamos aos visitantes a que pasen visiten a nosa mostra de artesanía e palillo e vaian despois á degustación do congro, ou viceversa.