A Neria matouna a política

Plácido G.ª Insua

MUXÍA

17 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Neria fixo cousas que agora calquera se atribúe. Por exemplo, ninguén pensaba en recuperar a fervenza do Ézaro. Ferroatlántica dicíanos que lle ía supor un quebranto económico grande. Daquela as comportas abríanse ás tres da mañá e logramos que iso se regulase, por exemplo para facelo nun horario determinado nas fins de semana.

Coa consecución da prolongación do Camiño a Fisterra e Muxía puxéronos a parir. Deciannos que íamos encher isto de jipis que viñan aquí dar a lata. Nisto tivemos que facer unha peregrinación reivindicativa ao revés, cara a Santiago. Mobilizamos ao clero, que ao primeiro apoiábanos ata que recibiu ordes de arriba, e tivemos que poñerlle as cousas claras ao bispo.

Nas Torres do Allo, que hoxe están como están, xa lle tiñan roubado os balcóns e tivemos que ir buscalos a Betanzos.

A única casa de turismo rural que había por aquí era a de Raúl en Lires e hoxe temos unha rede delas e algunhas recoñecidas a nivel nacional polo seu nivel e a súa calidade. Con isto e con outras moitas cousas reactivouse moito o turismo. Mesmo chegamos a pedir, que non o conseguimos, unha aula da escola de hostalaría aquí. Pelexamos para adaptar os cursos ás necesidades porque pensabamos que non tiña sentido que se abrise un hospital na zona e non ter ningún ciclo relacionado coa enfermería mentres se seguían formando mecánicos ou administrativos que había centos ou milleiros.

Para nós, os que comezamos, é tristísima esta situación porque estamos falando de cousas polas que estivemos loitando e que se conseguiron -algunhas outra non- de abaixo arriba. De aí a grande fortaleza de Neria que chegou a ser como unha mini Deputación. Cando pediamos, pediamos un gran polígono industrial, nun un en cada aldea. Solicitabamos unha gran lonxa agropecuaria, en Baio, en Mazaricos ou noutro lugar, pero non unha en cada sitio.

Neria foi un motor importantísimo da Costa da Morte. Algo fundamental que hoxe faría máis falta que nunca debido a grave crise na que estamos. Hai que ter en conta que este proxecto foi moitas veces nomeado no seno da Unión Europea e mesmo vén xente de Francia, de Inglaterra ou de Irlanda mirar aquí como faciamos as cousas, porque non crían que fósemos capaces de sacalas adiante así. Cando a fagamos desaparecer, se é que non o fixemos xa, darémonos conta.

Para min aquí non hai un tema de mala administración, que non digo que non haxa algunha cousa mal feita, pero cando che retrasan as subvencións, os concellos non pagan,... acabas metido nun pozo do que é imposible saír. Penso que teriamos que dar grazas a Deus por ter unha entidade como a Neria de antes e se non é así, a explicación fundamental está clara. A Neria matouna a política.