As pinturas de Moraime son únicas

antón castro

MUXÍA

As pinturas de Moraime reflicten os sete pecados capitais e a morte como mensaxe litúrxica.
As pinturas de Moraime reflicten os sete pecados capitais e a morte como mensaxe litúrxica. xesús búa< / span>

O desinterese político e da Igrexa condena á desaparición bens culturais moi valiosos

03 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Descubertas á principio dos anos setenta do século pasado, coincidindo coas escavacións que levara a cabo Manuel Chamoso Lamas -recoñecido arqueólogo e antigo subdirector xeral do Patrimonio Artístico en Madrid- ao pé do Mosteiro, as pinturas murais da igrexa románica de Moraime son únicas en Galicia. Únicas porque plantexan un programa iconográfico total no contexto da filosofía teocrática baixomedieval, de relixión temerosa e Deus sempre xuíz: a hermenéutica dos sete pecados capitais e a catarse da morte como fronteira, cun carácter doutrinario, catequético e pedagóxico.

E faise cunha narratividade lineal, gótica, de predominio debuxístico, pero cunha rica policromía. E única, porque é dos poucos exemplos que conservan esa forza narrativa tan matizada, de finais do século XV ou primeiros do XVI, minguado exemplo xa do escaso catálogo da pintura mural en Galicia, eiva histórica que procede da humidade de tódalas igrexas, é dicir, do clima deste Noroeste, que non permitiu que se conservase para nós este rico patrimonio.

Temos que pensar que o período gótico medieval prolongouse demasiado en Galicia e a súa filosofía teolóxica persistiu aínda no século XVI, cando en Italia xa vivían o humanismo renacentista e un tipo de pintura laica desde cen anos antes. Para os profanos recomendaríalle os mellores estudios feitos sobre estas pinturas: a tese de licenciatura de Cristina Cabada Giadás, Estudio iconográfico das pinturas murais de San Xulián de Moraime, publicada en 1991, que lle dirixiu o sabio medievalista e recordado profesor de tantos de nós, na Universidade de Santiago, Serafín Moralejo. Sen dúbida o máis profundo estudio, que completan, noutros aspectos, os traballos de José Manuel García Iglesias, tamén catedrático en Santiago, recollidos no seu libro Pinturas Murais de Galicia e un marabilloso ensaio Consideraciones sobre la idea de la Muerte en la pintura de Galicia en el siglo XVI, que publicou en Cuadernos de Estudios Gallegos (100, XXV (1984?1985), 397?417).

A Restauración

No tocante a restauración e, desde a miña experiencia como exdirector do IPCE (Instituto do Patrimonio Cultural de España), organismo estatal responsable da conservación e restauración dos bens culturais en España, o caso de Moraime inscríbese no desinterese político e na pouca cultura que ten esa clase gobernante que toma as decisións do que hai que facer cun Patrimonio que, ben tratado, é tamén un factor multiplicativo na economía, ademais dunha pegada necesaria da nosa memoria histórica e artística. Desinterese que é máis forte aínda nos xestores deses bens, é dicir, na Igrexa (faise necesaria una nova desamortización, ó menos dos bens de protección, BIC) e a dirixida desde Santiago é o mellor exemplo de cómo se pode facer desaparecer o Patrimonio, ó non destinar unha porcentaxe do recadado ao mantemento deses bens.