O mellor banco do mundo de Touriñán

Onte inaugurouse o asento deste lugar muxián tan singular xeograficamente


Carballo / La Voz

Existen na Costa da Morte lugares onde, dalgunha maneira, pousa a terra. Lugares que son un mundo en si mesmos, porque o gardan dentro todo. Un deles é Touriñán, en Muxía. Ademais da súa beleza, ten o valor engadido de ser o punto de despedida do sol na Europa continental durante dous meses ao ano, froito da súas coordenadas xeográficas. Tendo en conta este aliciente, dende onte, e baixo a organización do Concello, este mundo particular de Touriñán ten inaugurado o seu «mellor banco». É algo que vén ao fío do «mellor banco do mundo», supostamente o de Loiba, en Ortigueira. Ata Touriñán acudiron na mañá de onte o alcalde muxián, Félix Porto; o físico baiés Jorge Mira e o xornalista Santiago Garrido -os tres estaban presentes na tormenta de ideas logo do pregón da Barca que derivou nesta instalación-. Tamén se achegaron edís, veciños, o historiador Antón Castro e o exalcalde Jesús Barrientos, entre outros, a maiores do construtor ou responsables das forzas de seguridade locais. O banco agardaba tapado e cun cordón pola estrea, que xa fora posposta por mal tempo. De pedra labrada, fixado na terra e orientado cara o mar e á fermosa posta de sol que agasalla este recuncho, leva inscrito Cabo Touriñán, as coordenadas e a lenda do que significa e do que marca ese banco: «Punto máis occidental da España peninsular». Pode lerse en castelán, galego e inglés. Jorge Mira abundou no tesouro que implica esta singularidade xeográfica de Touriñán e dixo que a súa posta en valor non só terá repercusión para Muxía, senón para toda a Costa da Morte. Sinalou ademais outras intervencións que poderían seguir a esta, como a instalación dunha pequena columna que marque a distancia do punto muxián con outros puntos do mundo e tamén unha rosa dos ventos. Félix Porto citou algunha que outra mellora posible en carteira. Agora, Touriñán xa ten o mellor banco do seu mundo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

O mellor banco do mundo de Touriñán