Recuperar a romaría da Barca tradicional

Xan F. Carrera

MUXÍA

A romaría concentra a miles de persoas.
A romaría concentra a miles de persoas. a. garcía< / span>

A presenza do botellón resta atractivo á festa para gran parte dos muxiáns e moitos romeiros

22 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde hai uns anos a festa da Barca foi perdendo o seu carácter de romaría tradicional para transformarse nunha simple festa multitudinaria na que impera o botellón e o ruído, sobre todo a noite do sábado, o día máis importante desta sonada celebración. Isto fai que cada vez estes días de diversión resulten menos atractivos tanto para gran parte dos muxiáns como para aqueles romeiros que ano tras ano gozaban da festa.

As datas nas que se celebra esta romaría pasaron de ser unhas das máis agardadas polas familias muxiás para xuntarse e divertirse a converterse nuns días aborrecidos pola incomodidade que supón permanecer na vila, sobre todo para aqueles que teñen as súas vivendas preto da explanada do porto.

Este cambio que se produciu na festa non foi algo brusco, senón que pouco a pouco foi sucedendo nos últimos anos, ocasionado sobre todo polas novas formas de divertirse da xuventude e por non ser capaz de intervir a tempo para corrixir esta deriva.

A intervención máis que prohibir, debería incidir en organizar e orientar a romaría doutro xeito para que volva a ter a identidade que tivo desde hai centos de anos. Noutros lugares vemos que se están esforzando por recuperar vellas tradicións ou datas históricas para darlle identidade as festas, mentres que a romaría da Barca, de fondas raíces tradicionais para muxiáns e para a xente da Costa da Morte, estase deixando esmorecer. Por iso fai falla recuperar ese espírito barqueiro de sempre que lle enchía o peito de ilusión a todos aqueles que vivían esta gran festa. Recuperar aquela tradición das familias de romeiros que viñan en grupos de toda a contorna, desexosos de divertirse nesta romaría, acompañados de gaitas e pandeiretas; ou devolverlles o entusiasmo a todos os muxiáns para que gocen da súa festa, cantando e bailando polas rúas, nas prazas ou nos bares, sería un dos obxectivos a acadar.

Para que isto suceda e a Barca volva a ser a romaría que nunca debeu de deixar de selo, é preciso acometer certos cambios na organización da festa, de tal maneira que cada sector de festeiros poida gozar do ambiente que máis lle guste. O que non se pode é mesturar todo nun mesmo espazo no que se produce tal aglomeración humana e tal balbordo que impida a diversión e resulte molesto para uns e outros.

A mocidade que se instala en tendas de campaña á entrada da vila, seguro que prefire un ambiente con música máis adaptada ao seu gusto, como sería a de grupos de rock, discotecas móbiles ou bares-discoteca. Por iso sería bo habilitar un sitio preto do seu campamento para que se divertise ao seu modo. Aqueles que lles gusta máis a verbena con orquestras, dar un paseo polas proximidades desta ou sentar nunha terraza, terían o seu espazo no porto. E aqueloutros que prefiran unha festa máis tradicional, con música de gaita e pandeireta, deixar a súa disposición as rúas e prazas da parte de atrás da vila, para bailar e cantar. Isto polo que respecta á noite, pero tamén haberá que pensar nas tardes do sábado e domingo, cando hai moita xente nos arredores do santuario e polas rúas muxiás. O sábado de tarde no campo do cruceiro da Barca sempre actuaba a banda de música. ¿Por que non recuperar esta tradición?

Hai que pensar tamén en deixar algunha hora para o descanso, sobre todo para aquelas familias que viven nos arredores do porto. Por iso estaría ben que a verbena rematara sobre as cinco da mañá, hora que tamén terían que apagar a súa música as atraccións e bares, cando menos ata a media mañá do día seguinte.

A Barca ten que recobrar a tradición que sempre tivo de romaría, de lugar de encontro e diversión. E permitir que muxiáns e romeiros se sentan cómodos eses días, volvendo a recobrar a paixón por celebrar a festa como sempre o fixeron, coa que sempre se identificaron e se sentiron orgullosos. Por iso me alegra que os tres grupos políticos do Concello de Muxía chegaran a un acordo para crear unha comisión que reconduza esta gran romaría e lle dea o sentido tradicional que merece.