Pregóns

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

MUXÍA

19 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é para presumir disto no currículo, pero debo de ser unhas das persoas da bisbarra que máis pregóns viu nela nos últimos dez ou quince anos. Isto inclúe tamén ler o texto presentado, aínda que non houbese presenza física. Non é por facer da necesidade virtude, por suposto, nin por solemnizar o obvio: é un feito inherente ao traballo. Tanto, que ás veces incluso tocou ler algún. Ou escribilo. Son cousiñas da vida das que dá gusto lembrarse.

Coa perspectiva do tempo, e por ter escoitado textos excelentes, tostóns, reflexións simpáticas e ata copias de outros, creo que o balance xeral é enormemente positivo. Que vale a pena ir a escoitalos. Tamén o debe e pensar outra xente, porque os auditorios teñen cada vez máis público. Incluso cando chove e é ao aire libre, que xa é mala sorte. Houbo algún ano por aí atrás que non había tanta xente (tamén depende de quen sexa, de onde se faga...), pero polo xeral, a cousa mellora.

A parte boa vén, creo, porque cada vez máis apelamos á nosa memoria á hora de facer o pregón. É un recurso sinxelo, pero efectivo. Non por básico resulta doado. E necesario. Houbo algún ano no que o protagonista, por San Xoán, contaba por enésima vez que o do lume purificador ou as meigas do Neme. Pero a memoria é a de cada un, e se está ben enlazada co lugar e co auditorio, anima aos espectadores, consciente ou inconscientemente, a desenvolver as súas lembranzas, empatizar co que fala, recordar cousas da vida que xa cría esquecidas. Estas lecturas públicas son anaquiños do protagonista, pero tamén a crónica sentimental de xeracións que van quedando atrás. E sobre as que poucas veces reflexionamos, porque bastantes tarefas e problemas temos na cabeza para andar ademais botando a vista atrás. Ademais, a receptividade do que escoita é tal que parece que se abre un pequeno túnel do noso tempo.

Esta tempada houbo pregóns excelentes na bisbarra. O de Luis Fraga en Carballo, Roberto Traba en Cee, María Canosa na feira do libro ceense, Jorge Mira na Barca de Muxía... E algún outro. Mañá, seguro que en Coristanco tamén.