«Á Barca non se pode vir con présas, isto é para divertirse»

M. Rey, Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Barrientos é a cara visible da organización da Romaría da Barca deste ano.
Barrientos é a cara visible da organización da Romaría da Barca deste ano. xesús búa< / span>

O Concello de Muxía e a Agrupación de Protección Civil asumiron este ano todos os preparativos da romaría

11 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Como máximo responsable de Protección Civil de Muxía, Ramón Barrientos xa está acostumado a traballar nos preparativos e o desenvolvemento da Romaría da Barca. Este ano, ademais, tivo que ampliar as súas competencias e converterse na principal cabeza visible da organización posto que, por falta dunha comisión, o Concello asumiu directamente todos os festexos.

-¿Como está o ambiente por Muxía?

-Está bastante vez. A xente está moi animada e xa desde hai un días comezaron a colocar os postos. Fíxose con adianto para que non nos collera o toro nos últimos días como outros anos.

-¿Nótase moito a novidade de regresar ao santuario tras un ano de exilio forzoso por mor do incendio?

-Si, de feito é algo que xa se notou nas novenas dos últimos días. Houbo moitísima máis xente que calquera outro ano, mesmo na da mañá, e a fin de semana pasada tamén notamos un aumento de afluencia de xente. O feito de que se celebren xa todos os actos no santuario e que a pedra de Abalar, aínda que non está arranxada de todo, estea xa no seu sitio fai que veña máis xente.

-¿De onde vén a xente?

-Pois desde Santiago para arriba de todas partes, porque falas coa xente e haina da Laracha, de Negreira, de Sada, de Vimianzo... E tamén está vindo moita xente en autocaravanas e todos queren quedar, pero estamos ver se lle atopamos outro sitio porque aquí no campo da festa xa non hai.

-¿Como vai ser o dispositivo de seguridade desta edición?

-Máis ou menos será como o dos dous últimos anos, aínda que un pouco máis perfeccionado. Hai 90 voluntarios de Protección Civil de distintas partes de España, veñen dous equipos do Samur de Madrid con catro ambulancias e tamén participa a Policía Local e a Gardia Civil.

-¿Que recomendación se lle pode facer á xente que queira ir a estas festas?

-A mesma recomendación que todos os anos: que a estas festas vense a divertir un así que veñan con paciencia porque á Barca non se pode vir con présas. Ademais, agora xa non ocorre o que sucedía outros anos, que había unhas grandes caravanas; agora fíxose un circuíto para entrar por un lado e saír polo outro e evitar que haxa aquelas aglomeracións. O principal é que a xente veña con ganas de divertirse.

-Estes días previos non terán sido de moito descanso, polo que se leva visto.

-Así é, pero prefiro que sexa así, traballar toda a semana, adiantar todo e non chegar como antes ao último día e ter moitas cousas pendentes. Así chega o venres, xa estás máis liberado e mesmo podes gozar da festa porque non estás tan cansado.

-Este ano houbo cambios importantes na organización desta festa.

-Si, a última hora o Concello decidiu organizala directamente porque a xente cada vez escapa máis das comisións de festas. Esta é unha celebración que dá moito traballo, pero a xente está animada, temos un equipo grande de persoas que está traballando moi moi ben e así entre todos vaise levando mellor.

-Estes días tamén están pendentes das previsións meteorolóxicas.

-Si. As previsións dan algunha chuvieira en horas determinadas, sobre todo nas madrugadas, pero non dan que vaia chover durante todo o día, así que esperemos que non afecta á festa. De feito hoxe [por onte] hai sensación de bochorno, que é bo sinal, así que aínda que veñan algo de nubes tamén se agradecen.