O primeiro disco de ELO pon música aos versos de Rosalía Fernández Rial

La Voz

MUXÍA

O traballo discográfico inclúe doce temas

14 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de varias semanas nas que foi agromando pouco a pouco a través de Internet e as redes sociais, ELO -o proxecto poético musical posto en marcha pola escritora carballesa muxiá Rosalía Fernández Rial e o pianista bilbaíno Serxio Moreira- acaba de chegar ao seu primeiro porto coa publicación dun disco que recolle dous traballos diferentes.

Os dous últimos poemarios de Rosalía Fernández Rial, Vinte en escena e Ningún amante sabe conducir (publicados ambos por Edicións positivas) dan nome tamén a este traballo no que a autora ofrece «unha lectura interpretada» dos seus propios versos», que se visten cunha proposta musical «que se move en terreos da electrónica e o experimental».

Doce temas

Sete e cinco cortes diferentes conforman, respectivamente, esta versión musical de Os amantes... e Vinte en escena, que xa se poden escoitar a través de Internet (proxectoelo.bandcamp.com) e de Facebook (proxectoELO). O disco conxunto foi feito público onte co obxectivo, segundo explican os seus creadores, de que «este 14 de febreiro ningún amante quede sen poesía!».

Ademais, en YouTube pódese ver un vídeo co proceso de gravación do disco. O proxecto ELO supón un novo paso nos traballos conxuntos que desde hai xa varios anos veñen desenvolvendo Rosalía Fernández e Serxio Moreira para poñer en escena os versos da primeira co acompañamento musical dos acordes do segundo.