Unha canción propia para a Romaría de Santo Hadrián: mañá, o gran día
MALPICA DE BERGANTIÑOS
Letra e música son de Carlos Fidalgo, quen este sábado ás 20.30 horas dará a coñecer a historia da peza
29 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Mañá • A vila de Malpica aínda segue sumida no seu programa conmemorativo das Letras Galegas, Malpica nun mar de letras. E é dentro dese almanaque que chegará mañá, sábado, unha cita ben especial, prevista para as 20.30 horas no auditorio do Fogar do Pensionista e con entrada libre ata completar aforo. O que alí se presentará vai ser a Canción da Romaría de Santo Hadrián, unha peza con letra e música do malpicán Carlos Fidalgo, nacido no 1943. «Esta romaría é tan antiga que a súa data esmoreceu no tempo. Con esta canción recupérase a súa memoria documentada», trasladan no cartel divulgador do encontro. Para coñecer máis datos, e para falar de antigüidade e outros tempos, haberá que achegarse mañá, pois alí Fidalgo terá moito que contar. Todos os asistentes ao acto, por certo, levarán un disco de agasallo, ata que se esgoten as existencias. Con Carlos Fidalgo estarán ademais o mestre Luís Ramas, así como o alcalde de Malpica, Eduardo Parga. Hai xa unhas semanas, a edila de Cultura, Noelia Freijeiro, valoraraba esta canción como un plus máis que engrandecerá a tradicional romaría.
O vínculo de Carlos Fidalgo coa música vén de sempre: «Toda a vida tiven esa tendencia», contaba este martes, convidando a todos os interesados a achegarse ao Fogar do Pensionista. Un don, o da música, que se encargou de perfeccionar formándose. «Unha homenaxe á nosa historia, á nosa cultura e ao sentimento dunha romaría única», avanza o Concello sobre a cita de mañá. Fidalgo, cómpre lembrar, tamén está detrás do Himno do Malpica, ese que comeza dicindo aquilo de As nosas cores azul e branca... e que foi presentado aló polo 2018.