«Os textos literarios e xornalísticos de Begoña Caamaño están de rabiosa actualidade»
MALPICA DE BERGANTIÑOS
Xosé Manuel Varela, Icía Varela e Nerea Gómez publican «Begoña Caamaño», libro sobre a autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas
14 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O libro Begoña Caamaño, de Xosé Manuel Varela e Icía Varela (Malpica) e Nerea Gómez (Culleredo), preséntase como unha boa opción para todos os adolescentes e os adultos que queiran achegarse á figura da autora homenaxeada nestas Letras Galegas. É a segunda obra conxunta que lanzan, con Edicións Embora, tras o éxito de Pandeireteiras, o ano pasado. «O obxectivo é achegar a persoa das Letras con textos moi sinxelos e con moita importancia na ilustración», explica Xosé Manuel, ao que Nerea engade: «Como apoio para as clases dos máis cativos tamén pode servir». Logo de máis dun mes viaxando por librarías como Teldy e Brañas Verdes, de Carballo, ou a Miguens, de Malpica, entre outras de Galicia, Begoña Caamaño xa funciona tamén na educación secundaria, co club de lectura do instituto de Baio, como exemplo.
O malpicán destaca da protagonista que é unha autora «moi descoñecida, pero que, investigando sobre ela, ten unha importancia enorme no mundo da radio e do xornalismo e, despois, con dúas novelas magníficas. Estas Letras fanlle xustiza ao seu traballo e á súa obra literaria. Os seus textos están de rabiosa actualidade porque neles traballou dende a vertente antimilitarista e feminista. Xa nos anos 90 estaba comentando as tendencias que hai agora antimigración».
As ilustracións teñen un gran peso na obra de tripla autoría, e nelas están presentes as cores dos panos que empregaba a viguesa. «Facémola viaxar polos espazos das súas obras», explica a moza. Este sábado 16 de maio seguirán coa rolda de presentacións no Fogar do Pensionista de Malpica ás 20.30 horas. Ao día seguinte, o propio domingo 17 de maio ás 18.00 horas, estarán no local social de Cances (Carballo), da man da asociación San Campio.
«Dálle voz ás mulleres»
Precisamente como gancho, Varela avanza que a homenaxeada tiña conexión coa vila bergantiñá: «Había algunha relación xeracional con xente de aquí». O filólogo e escritor destaca que tanto en Circe ou o pracer azul como en Morgana en Esmelle «dálle voz ás mulleres e transmite a súa maneira de pensar. Dálle unha volta ós mitos e cóntaos doutra maneira dende unha perspectiva feminina». As súas novelas abordan a mitoloxía clásica e artúrica. Para a ilustradora, «falar destes dous mundos é moi interesante. Fixemos unha investigación moi profunda das obras, de maneira que o libro, ademais de falar dela, tamén explica moi ben eses mundos. Do mesmo xeito, incluímos outros autores que abordaron estes mitos. Entón, hai diferentes perspectivas».
Continuarán coa colección? «A ver se seguimos con ánimo!», despídese o malpicán. A tamén filóloga e artista Icía Varela é coautora.