In Memoriam | A pandeireteira Icía Varela dedica estas sentidas palabras á tocadora de Cerqueda falecida este sábado
26 abr 2026 . Actualizado a las 14:55 h.Namentres estabamos celebrando a foliada de Cerqueda, María de Vighán quixo de ir de foliada ao ceo. A marcha de María non é só a perda dunha persoa: é un silencio que cae sobre a memoria viva da nosa tradición. Con ela marcha unha desas mulleres de Cerqueda (Malpica) que fixeron do canto e da pandeireta unha forma de estar no mundo, unha maneira de soster a identidade dun pobo sen máis ferramentas ca súa voz e as súas mans.
Na miña casa, María é raíz. Foi ela quen lle ensinou á miña nai, e así, case sen decatarnos, o seu saber foi pasando dunha xeración a outra. Grazas a María, a tradición non foi nunca algo alleo nin distante, senón algo íntimo, herdado, profundamente noso.
Eu tiven a sorte de compartir con ela momentos tocando a pandeireta. Pequenos instantes que agora se volven inmensos. Lembro a súa mirada, a súa presenza, e sobre todo esas palabras que me dicía cun sorriso: que lle encantaba a miña pandeireta. Hoxe esas palabras resoan con outra forza, como un agasallo que queda para sempre.
María era moito máis ca unha pandeireteira: era memoria, era transmisión, era fogar. Era desas mulleres que, sen saber que estaban facendo historia, sostiveron o fío que nos une co pasado para que non se rompera nunca. Agora que xa non está, dóenos o seu silencio. Pero hai algo que non morre: o seu ritmo segue vivo en cada golpe, en cada cantiga, en cada foliada onde alguén volve facer soar a pandeireta.
Porque mentres haxa quen cante, quen lembre e quen sinta, María non desaparece. María queda na miña pandeireta, no eco das nosas voces.
PARA SABER MÁIS
Icía Varela, de Cerqueda, Malpica, é artista, pandeireteira e escritora, autora de obras como Cantareiras ou Pandeireteiras. Na súa voz e tocar, o herdo de mulleres como María de Vighán. María Esther Rodríguez Míguez, viúva de Indalecio Cambre Pérez, faleceu este sábado aos 92 anos de idade. Os seus restos vélanse no tanatorio de Malpica (grupo Bergantiños) e o funeral e posterior enterro están previstos para esta tarde de domingo 25 de abril, na igrexa e cemiterios parroquiais de Cerqueda, Malpica. Saída do tanatorio ás 17.00.