As fiadas do liño serán este ano a temática da Foliada e Foliadiña de Raigañas
MALPICA DE BERGANTIÑOS
Case 40 grupos teñen confirmada a súa presenza para este sábado 25 de abril en Cerqueda, Malpica
22 abr 2026 . Actualizado a las 21:26 h.Sábado • Son numerosas as citas culturais e de ocio para esta fin de semana na Costa da Morte, pero se é seguidor ou seguidora do mundo tradicional, entón o sábado deberá poñer rumbo a Cerqueda, en Malpica, onde a asociación Raigañas —co apoio de Concello de Deputación— impulsará a súa 19.ª Foliada e 12.ª Foliadiña. «Isto non ten sentido sen a xente miúda, rapaces e rapazas que sigan coa tradición e que vaian meténdose neste mundiño. Hai que coidar moito a canteira, sen ela nada continúa», apuntou Mar Suárez en Radio Voz Carballo. Cunhas 200 persoas vinculadas á asociación e unhas 120 participando das actividades formativas, celebra que, máis alá de altos e baixos puntuais, sempre tiveron «unha matrícula importante para ser a parroquia humilde que somos»: «Non nos queixamos, levamos dende o 79 sen parar. Foron pasando diversas directivas e o noso cometido segue sendo o de manter todo este legado de música e baile que nos deixaron os antepasados». En Raigañas, que hai nada festexaba o seu 45.º aniversario, non só toma parte xente da parroquia, tamén doutros concellos.
A implicación de alumnos e familias, explicou Mar Suárez, dá alento para continuar, e de Raigañas é sabido o mimo co que preparan a súa foliada. Hai no cartel unha chiscadela á Revolución dos Cravos —tamén 25 de abril—, pero máis alá diso, a temática deste ano serán as fiadas de liño: «Todo vai xirar arredor diso, imos mostrar todo o proceso». Xa van unhas cantas edicións cun asunto central, e así segue sendo: «Preparamos todo con tanto cariño que queremos que se vexa e a festa dure todo o día».
O programa
Con Icía Varela formando parte de Raigañas e sendo «a artista da parroquia», ela será quen se encargue da sesión vermú (13.00 horas). Ten disco recente, Mens, e traerá colaboracións. Antes ca ela, Baralloas e gaiteiros de Raigañas. Os asistentes poderán xantar (e cear) en Cerqueda por prezos módicos. A narradora Atenea García ofrecerá unha contada ás 16.30 e Rakelúa impartirá en paralelo un taller de coiro para crianzas, de libre participación. A partir de aí, ás 18.00 chegará a foliadiña, cuns dez grupos, e ás 20.00 a foliada, cuns 27 xa inscritos, de toda a volta: «Hai un tesouro enorme». En total, case 40, pois. Poden seguir toda a actualidade da cita neste perfil. A valoralo e gozalo!