Aprendizaxe escolar nos espazos que inspiraron a novela «Gundar e o cabalo de oito patas»
MALPICA DE BERGANTIÑOS
Uns 90 alumnos do CPR Fogar de Santa Margarida da Coruña achegáronse este pasado luns a Malpica
22 abr 2026 . Actualizado a las 20:25 h.Uns 90 alumnos de primeiro da ESO do CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida da Coruña achegáronse este luns a Malpica para tomar parte nunha saída didáctica interdisciplinar na que se tomou como base a ruta literaria Gundar e o cabalo de oito patas, de Xelucho Abella Chouciño. Literatura, xeografía, historia e educación ambiental, segundo dá traslado o docente Xosé Manuel Varela, e que ben podería ser iniciativa de futuro. Distribuídos en cinco grupos de traballo, o percorrido foi tanto en bus como a pé por distintos espazos nos que se inspira a novela, todos eles de alto valor paisaxístico, cultural e literario. Para mostra, as paradas da praia de Seiruga, Monte da Insua, Pedra da Vela, Nariga, Malpica, igrexa, mosteiro e Torres de Mens. Durante a xornada, os alumnos realizaron lecturas contextualizadas, actividades de observación directa do medio e elaboraron un caderno de campo con anotacións, ilustracións e reflexións, «favorecendo unha aprendizaxe activa e significativa». Foron horas de inmersión, dende primeira hora da mañá ata xa ben entrada a tarde. «O centro educativo aposta por unha metodoloxía experiencial que promove o contacto directo co territorio, a valoración do patrimonio cultural galego e o desenvolvemento de competencias clave dende unha perspectiva interdisciplinar», apuntaron dende o CPR Fogar de Santa Margarida.