«Este concerto en Malpica apetecíame hai xa tempo»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Diego Rojo Garrido, malpicán, ofrecerá esta tarde un concerto na súa vila natal
Diego Rojo Garrido, malpicán, ofrecerá esta tarde un concerto na súa vila natal

Cita especial a desta tarde, pois para Diego Rojo será a primeira vez que toque na casa

21 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A música ten memoria. Baixo esa premisa organizan a asociación Mallas de Area e o Fogar dos Pensionistas San Adrián do Mar de Malpica unha interesante cita para hoxe, sábado 21 de marzo. Será ás 20.30 horas, precisamente no Fogar do Pensionista, e alí o tamén malpicán Diego Rojo ofrecerá un concerto pedagóxico, unha viaxe pola historia da guitarra. «Será unha tarde para escoitar, aprender e sentir», convidan dende a entidade, animando así a seguir traballando por unha Malpica Cultural. Colaboran Concello e confraría. Falou Rojo en Radio Voz:

—Volver á casa sempre é bo.

—Si, si, e a verdade é que vai ser a primeira vez que toque en Malpica. Teño 56 anos e levo facéndoo dende hai uns 30, así que o certo é que me apetecía moito facer isto.

—Témoslle seguido os pasos como docente pola Estrada ou Ames. Por onde anda agora?

—Sigo en Ames.

—Volve a miúdo a Malpica?

—Case todas as fins de semana, teño a miña nai alí. Vivindo no interior, a verdade é que a costa se bota de menos. E a min o mar da Costa da Morte encántame.

—Falamos dun Diego Rojo profesor, corredor, apaixonado dos deportes, licenciado en Educación Física... mais a Malpica chéganos vía guitarra.

—En realidade, é un título para enganchar á xente [ri], porque non vai ser só guitarra. Dos instrumentos de corda pulsada é o máis coñecido, así que imos empezar por aí. Vai ser unha pequena viaxe a través da historia e dos instrumentos de corda pulsada en diferentes civilizacións e épocas. Eu, principalmente, son intérprete de laúde, dedícome á música barroca e estou comezando coa medieval. Ademais de histórica, vai ser unha mostra xeográfica, instrumentos de diferentes continentes. Tocarei como doce ou catorce distintos. En realidade, trece, pero non direi cales, é sorpresa...Si podo dicir que iremos dende o Paleolítico, no 12.000 antes de Cristo, e remataramos na que é a nosa era, na nosa época, na guitarra romántica.

—Concorda logo niso de que a música ten memoria.

—Si, si. Non hai rexistros sonoros, pero si gravados.

—A quen convidamos a achegarse esta tarde a Malpica?

—A todo o mundo! É un encontro para todos os públicos, para todas as persoas ás que lles guste a música. Vai haber música tradicional, renacentista, barroca, asiática, africana... Tamén moita música europea, é o meu principal repertorio: italiana, francesa, española e inglesa.

—Din dende Mallas que cando a xente se reúne en torno á música pasan cousas boas.

—Esperemos que si.

—E non podemos deixar tampouco de falar da escrita. Sabemos dalgún poemario seu, como «O Roubo do Sol». Como vai este asunto, Diego?

—Sigo escribindo esporadicamente, pero quizais agora o teño algo máis apartado, estou máis centrado no musical, estudando novos instrumentos. Isto de Malpica é un proxecto de hai xa tempo, algo que se ocorrera hai anos. Funme facendo cunha pequena colección de instrumentos, apetecíame un concerto didáctico. Tamén haberá algunha proxección, fotos de distintos lugares do mundo... Continúan en min todas as outras facetas, pero quizais me centrei máis nisto.