Santo Hadrián abre o verán en Malpica

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO/ LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCÍA

A romaría será este domingo 22 de xuño, unha cita que xa está levando ambiente ás rúas de Malpica

21 jun 2025 . Actualizado a las 00:08 h.

Esta fin de semana • Unha cousa é a festa como tal por Corpus e Santo Hadrián, xa en marcha dende onte pola noite, e outra a romaría propiamente dita, que ben merece capítulo aparte e que terá na xornada deste domingo 22 de xuño o seu grande día. A Romaría de Santo Hadrián de Malpica está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, e é motivo de peregrinación para xentes da comarca e de fóra dela. Xa hai ben días que se nota ambiente na vila, dicía esta semana Noelia Freijeiro, edila de Cultura, en Radio Voz. Animaba tamén a todos os romeiros a achegarse polo Concello e recoller panos e pulseiras, un xeito dobre de facer identidade arredor da celebración e que tamén persegue implicar á mocidade no sentimento compartido. No campo relixioso, xa vén habendo novena de Santo Hadrián dende o venres 13 de xuño, oficios que se levan a cabo na igrexa parroquial San Xulián.

No que respecta ao domingo, a primeira misa do día, tamén no templo parroquial, será ás 07.30 horas. Logo emprenderase a procesión ata o santuario, unha das máis belas estampas do ano neste municipio, acompañada da Banda de Música Eduardo Pondal, de Corme. Haberá na capela misas ás 10.00, 11.00, 12.00 e 13.00 horas, esta última a solemne, seguida dunha sardiñada popular organizada pola ACD San Xulián e amenizada polo trío La Diferencia.

BASILIO BELLO

Amenizará a tarde ata pouco antes das 17.30 horas, que será cando se emprenda a volta en procesión dende o santuario á igrexa de San Xulián, na que haberá misa novamente ás 19.00 horas. Aqueles que non poidan acudir mañá, aínda teñen hoxe, sábado, outros oficios de novena, ás 11.00 e 20.00 horas.

Non pode un malpicán elixir entre a Romaría de Santo Hadrián e as Festas do Mar, as dúas son importantes e as dúas traen sentimento. Santo Hadrián, ademais, marca o inicio do verán, cando todo está por vir, mentres que as Festas do Mar supoñen o peche, un rematar do círculo.

Paco Rodríguez

Pili Pampín, tributo ás de Mens ou karaoke no programa da comisión: hoxe

Tamén o Concello de Malpica brinda a súa colaboración á asociación Mallas de Area, comisión organizadora dos festexos de Corpus e Santo Hadrián que botaron a andar onte nunha nova ubicación, o travelift, co grupo Bomba e a discoteca Mini CDC. No musical propiamente dito, non obstante, o día grande é hoxe.

Pasarrúas ás 11.00 horas, concerto na fonte Villar Amigo ás 12.00, procesión do Corpus ás 13.00 coa banda Nuestra Señora del Nordés (Ferrol) e sesión vermú tamén na praza Villar Amigo co dúo Primera Fila serán as propostas da mañá, que se pechará co sorteo dun xamón.

Con tardeo na zona do travelift é como se iniciará a velada vespertina, con Mini CDC e o DJ Borja. As asociacións Malante e Carcaxía renderán un homenaxe ás Pandeireteiras de Mens, recoñecidas este ano nas Letras Galegas, e para ás 20.00 quedará un concurso karaoke que é novidade este ano. As mellores voces terán premios de recompensa. Da noite deste sábado encargarse unha das grandes voces da verbena galega, Pili Pampín, e a noite aínda dará máis de si co grupo Horizon The Show e DJ Roy. «Que veña moita xente gozar de todo isto que nos ten preparado a comisión», convidaba Noelia Freijeiro en Radio Voz. Entre Concello e Mallas de Area encargáronse de engalanar tamén o que en Malpica coñecen como «rúa Principal».

Motivos uns e outros, pois, que ben dan, como dicía tamén a edila, para pasar o sábado enteiro en Malpica, con diferentes ambientes. Mesmo para quedar ata o domingo, de cara asistir á romaría e gozar igualmente do apartado musical de Mallas de Area, que nesa derradeira xornada pasará polo concerto de Trotabares 2.0 na praza Villar Amigo.