Diego Anido, actor e autor teatral: «Bendiciunos un solpor en Malpica»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Diego Anido, nun momento da rodaxe da serie «Clanes», produción de Vaca Films para Netflix
Diego Anido, nun momento da rodaxe da serie «Clanes», produción de Vaca Films para Netflix JAIME OLMEDO / NETFLIX

A remollo | Rodar na vila bergantiñá escenas da serie «Clanes» tróuxoo de volta a lugares de tempos mozos e de esencia familiar 

07 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En Malpica —na rúa e tamén no que na serie é o bar das Raposas— rodou escenas de Clanes o actor Diego Anido Alonso (Santiago, 1976). A produción de Vaca Films para Netflix está a arrasar en audiencia. Esta estancia en Malpica, que incluíu unha noite e volver «á súa marabillosa praia», supuxo para Anido, a nivel persoal, un retorno a tempos mozos. El, que sen ser vidente está facendo da súa vida o que predixo, inaugura a sección A remollo deste 2024.

—Na serie é Samuel.

—Si. Do clan dos Padín, persoa de confianza, pero sen posto de responsabilidade. Un personaxe «no fío», dos meus. Sufre, diría que é ao que lle pasan máis cousas, tamén físicas. Aínda que tivera experiencias previas, como en Ons, para Clanes rodamos moito no mar. Eu son de interior e iso para min é exótico, farragoso para o equipo, pero proveitoso para os actores, que pasamos tempo esperando e observando. Foi como se todo o equipo flotase.

—Coñecía a Costa da Morte?

—O meu apelido paterno vén de Ponteceso. Lembro ir de pequeno, cos avós, pais e irmán. A familia tiña terreos por alí, eran propietarios, matizo, de miserables minifundios [ri]. Tíñanos arrendados e unha vez ao ano ían cobrar a renda e falar coa xente. A renda que cobraban ese día xa a gastabamos en Malpica, no restaurante O Burato. Hai 30 anos...

—Xa non teñen esas leiras?

—Houbo concentración parcelaria. Tiven que facer unha investigación das fincas, localizalas, mirar anos despois mapas con meu irmán, ir de visita... Foi unha reconexión, volver a lugares, Niñóns... Dende a casa parecía un rollo ter que buscar isto, pero acabei alí metido coas botas... e déronme ganas de quedar. Teño recordos, amigos por Malpica. Tería uns 20 anos cando fixemos acampada libre alí, mirando á praia. Estabamos ceando latas de atún e chegou a Garda Civil, só se podía pernoctar. Dixéronnos que ás 8 da mañá tiñamos que estar fóra e pedímoslles que cando fosen subir á mañá seguinte pitasen antes de chegar. Menos mal que lles fixo graza! Non pasou nada. Que sitio tan especial!

—Tamén o son as paisaxes da serie.

—Recibín comentarios polo ben filmadas que están, de xente de preto. Todos os que nos dedicamos a isto somos soñadores, e depende en que momento cheguen, os comentarios afectan. Un personaxe público nútrese do que a xente dá, e a xente non sempre dá nutrientes, a veces dá veleno, pasou en todos os momentos da historia... O resultado final está na mente do espectador, e a opinión ten hoxe moito campo de expresión...

—Pois como espectador que é, que imaxe lle dá a Costa da Morte?

—É unha zona moi pura e moi maltratada tamén.

—A nivel urbanístico?

—E ecolóxico, como toda a costa.

—Din que leva mal o zoom.

—Todo dende lonxe mellora, incluso as persoas. Pero os gustos son adquiridos, ollo, e a pureza está por riba da beleza. Hai unha esencia, como a do toxo, bonita e ruda. Ás veces no que cualificamos de vulgaridade pecamos de non apreciar a singularidade. A xente segue sendo pura, como a Costa da Morte, que non soe mal.

—Algún outro lugar polo que pase?

—Lira, Carnota.

Diego Anido y Javier Cámara, durante el rodaje de la serie «Rapa» en Xove
Diego Anido y Javier Cámara, durante el rodaje de la serie «Rapa» en Xove JAIME OLMEDO

—En que anda metido?

—A película La infiltrada estrearase en outubro. A terceira tempada da serie Rapa, a finais de ano, e tamén a segunda de Bellas Artes. Este ano chegará Aves de corral, unha ópera prima, e rodei en Donosti Ya no quedan junglas adonde regresar. Ando tamén co meu quinto espectáculo propio [teatro], O Deus do Pop, que foi co que pasei polo FIOT de Carballo hai nada. En Carballo parabamos naquelas idas a Ponteceso.

Luís Zahera y Diego Anido en un fotograma de la película «As bestas». Ambos están nominados en la categoría de mejor actor de reparto.
Luís Zahera y Diego Anido en un fotograma de la película «As bestas». Ambos están nominados en la categoría de mejor actor de reparto. .

—Pois anda de aquí para alá.

—Soen preguntarme se me cambiou a vida despois de As bestas, e non. Nos últimos meses puiden coller vinte avións, pero xa estaba acostumado á flexibilidade e a saltar dun proxecto para o outro.

—O verán tráelle algo especial?

—Dous factores. O primeiro: é esgotador non ter rutina, nun traballo sen horario non hai dous días iguais, así que non teño moita consciencia de fins de semana, vacacións ou estacións. Segundo factor: a madurez. Na infancia e xuventude o verán era todo tempo para ti, e hoxe non, constrúes familia, hai responsabilidades, hixiene da casa, crianza, parella... Cada verán intento converterme nun marqués, e non podo [ri]. Non son aristócrata.

—Se o fose que faría no verán?

—Montaría unha pantalla fóra e proxectaría pelis no xardín. Vivo nunha aldea de Santiago. E se chove seguro que alguén recollería! [ri]. Tería a casa aberta, e intentaría ter unha ao lado do mar, na Costa da Morte. Non son de chupar sol, posuíla sería suficiente.

—Falando de sol. Un solpor aquí?

—Un ás miñas costas, naquela acampada en Malpica. Non vin o sol agocharse, pero vin o cambio de luz nas caras dos meus amigos. Non eramos de solpores, pero o solpor ocorreu, bendiciunos.

MÁIS DE PRETO

Cando foi a última vez que comeu sardiñas con cachelos? Con cachelos non lembro, pero sardiñas por San Xoán, en Santiago. E dous días antes creo que tamén.

Onde está o Cemiterio dos Ingleses? Na Costa da Morte? [Ri]. Non sabería dicir, pero seguro que tería que ir.

Onde desemboca un río en fervenza, caso único en Europa? Esta seina, no Ézaro. Estiven aí varias veces, fixen un traxecto en canoa, fun monitor de tempo libre. Haberá uns 15 aniños.

Algunha vez probou os percebes do Roncudo? Si, inesquecibles! Cambiaría os dedos das mans por percebes, e os dos pés! Supoño que sería en Corme, iamos con meu pai, que tamén por esa zona ou preto mercaba cuncas de barro para o caldo, cerámica tradicional. Lembro unha con pocillos de queimada, porque a rompín un Nadal. Esconderan aí os polvoróns...

Comeu longueirón de Fisterra? Seguramente que si. Viaxei por Galicia con meu avó, que era artesán, facía figuras de madeira. Teño comido algún longueirón que non me collía na boca, entón seguro que era de Fisterra.

Autor do Himno galego? Pondal. Ou Marta Sánchez? [ri].

Bañouse na Praia dos Cristais de Laxe? Non, pero si na de Niñóns, excepcional. E tamén na de Baldaio, un día que fomos de excursión.

Cal é a catedral do megalitismo galego? Pode que ande polo Pindo...?

Non. Dígolla? Hai que ser legal, non? Vale, cal é?

Dombate. Suspenso entón.