«Moitas veces non dan o paso de denunciar porque teñen fillos e medo de que pasen necesidade»

Melissa Rodríguez
mELISSA rodríguez CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Ana García

Dúas mulleres maltratadas darán a coñecer hoxe as súas vivencias en Malpica. Fala a concelleira Marisol Blanco

25 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

María Soledad Blanco Gorín, Marisol, é edila de Igualdade en Malpica dende o 2011, salvo un parón de dous anos. Provén de familia oleira, un sector tradicionalmente masculinizado, e ten unha filla.

—Que van facer polo 25N?

—Lerei un manifesto en repulsa aos malos tratos, ás 12.00, na Praza Anselmo Villar. Ao longo do día, publicaremos nas redes do Concello dúas testemuñas de malpicás que sufriron violencia na súa contorna, durante a infancia e o matrimonio, respectivamente. Isto último é novidoso. Oír as súas historias en primeira persoa é máis duro que facelo por boca de profesionais. O primeiro caso quedoume gravado. O pai inflixía maltrato sobre a nai e os fillos, homes e mulleres. A proxenitora, que me chamou moito a atención, ante a impotencia de verse sometida polo marido, maltrataba aos descendentes tamén. Xa o di ela, que o dano que isto causou nas súas vidas foi moi grande: «Aínda boa foi que ningún de nós caeu nas drogas nin delinquiu». Naquel entón non había perspectiva de xénero. Vivía na sombra. Hoxe formou a súa familia, e a outra muller tamén deu un paso adiante para saír desa relación tan tóxica. Isto é o que queremos trasladar ás vítimas, que se pode saír, de aí que o lema deste 25 de novembro sexa: Mulleres na sombra, podes saír da escuridade.

—O resto do ano promoven outras actividades vinculadas?

—O ano pasado impulsamos un curso de autodefensa para mulleres, algo que quero repetir, xa non só pola violencia na casa, senón tamén na rúa, porque as mulleres estamos máis expostas.

—En que incidirá no manifesto?

—Imos dar visibilidade ás 52 vítimas que levamos no que vai de ano e insistir en que se denuncie, que non vivan sometidas, que dean o paso porque hai recursos. Nos non temos Centro de información á Muller, pero derivámolas ao de Carballo. Alí danlle protección. Teñen axuda os primeiros 9-18 meses para que empecen a voar soas, porque moitas veces non é só a violencia en si, senón que se ven asoballadas porque dependen economicamente do maltratador. Non dan o paso porque teñen fillos e medo de que estes pasen necesidade.

—As afectadas acoden ao seu departamento para pedir axuda?

—Actualmente, en Malpica, non nos constan casos, o que non quita que os haxa sen denunciar. Agora, no ámbito familiar tamén hai violencia cara os homes. No noso concello temos un caso denunciado nos Servizos Sociais. É xente relativamente nova: unha parella de feito, cun menor, que está coa nai. Hai que visibilizar ambas situacións, aínda que estas sexan inferiores. Hoxe en día hai máis información e as prexudicadas acoden, en moitos casos, directamente a outras entidades. Poden acudir a nós, trataremos de darlle a maior celeridade e protección. Aproveito para lembrar o teléfono xeral habilitado, o 016.